jueves, 1 de octubre de 2009

EU-IU CONSIDERA QUE O CONCELLO DEBE NEGOCIAR CO CONSTRUCTOR UNHA INDEMNIZACIÓN E PARALIZAR A OBRA DA UNIDADE CS-5

Esquerda Unida considera que o Concello debe ter como referente o acordo ao que chegaron o goberno bipartito de PSOE e EU-IU no Concello de Ferrol para actuar no caso das costas do parque. O goberno ferrolán, con EU-IU ocupando a área de urbanismo, chegou a un acordo económico co promotor para non construír un edificio proxectado na praza de España da devandita cidade. Lembrar que o pasado ano o orzamento municipal de Lugo duplicaba ao ferrolán.O goberno municipal lucense, por contra, defendeu durante anos os intereses particulares do promotor fronte aos intereses da maioría, e facendo caso omiso de 12.000 sinaturas que piden a paralización de construción. Agora ten a ocasión de negociar co construtor unha indemnización para non construír e a paralización inmediata da obra, renunciando a presentar un recurso que é contrario á opinión maioritaria dos lucenses. Para iso, EU-IU propón que se cre unha Comisión composta polos tres partidos políticos presentes no Concello, e que esta se reúna co promotor e cos integrantes da Asociación en defensa do Parque Rosalía para buscar unha saída negociada.
De feito, nin a cidadanía de Lugo quere a construción de seis bloques de apartamentos nun lugar emblemático da cidade, nin ao promotor lle interesa seguir adiante cunha obra polémica que lle xerará máis prexuízos que beneficios, nin o goberno municipal debería seguir antepondo os intereses privados aos públicos, ademais de arriscarse claramente a perder os litixios abertos e empeñar á cidade durante anos pola indemnización que estableza a xustiza.
Esquerda unida reitera que a sentenza que anula o proxecto de urbanización nas costas do Parque de Rosalía de Castro é unha gran noticia para a cidade que vén a confirmar as irregularidades que rodean ao proxecto edificatorio. Pero tamén marca un antes e un despois nas mobilizacións veciñais. A sentenza mostra á cidadanía que con vontade, tesón e unidade é posible facer fronte ás actuacións arbitrarias das institucións, neste caso do goberno municipal.
Esquerda Unida quere felicitar unha vez máis á Asociación en Defensa do Parque Rosalía polo seu compromiso, a súa actividade e seu esforzo en defensa do patrimonio de Lugo. Esta sentenza é un referendo e unha recompensa ao seu traballo pese ás graves dificultades que atoparon. É moi importante destacar que os seus integrantes recibiron ataques interesados por parte do goberno municipal, multas arbitrarias, e inclusas ameazas persoais a membros da Asociación.
Grazas a colectivos e persoas como os que integran a Asociación en defensa do Parque Rosalía, os asuntos relacionados co urbanismo e a especulación inmobiliaria tiveron nos últimos anos unha resposta contundente. Un aviso para os tres partidos políticos presentes no concello que agora se tiran os trastos á cabeza entre si, pero que teñen por activa ou por pasiva responsabilidades conxuntas na edificación no Garañón e para os construtores implicados nas tramas inmobiliarias.
Esquerda Unida prognostica que esta é a primeira dunha serie de sentenzas e resolucións xudiciais que sacarán a luz o modelo especulativo que imperou durante anos na cidade de Lugo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario