lunes, 26 de octubre de 2009

ESQUERDA UNIDA PRESENTA ANTE A FISCALÍA DOCUMENTACIÓN SOBRE GRAVES IRREGULARIDADES NA TRAMITACIÓN DO PXOM DE LUGO

EU considera que as reclasificacións de solo na zona do campo de golf son ilegais
Zona afectada polas reclasificacións

A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz, e o coordinador local en Lugo, Carlos Portomeñe, mantiveron esta mañá unha xuntanza co Fiscal Xefe da provincia. No transcurso da xuntanza os dirixentes de EU, ambos os dous membros da Presidencia federal de IU, facilitaron documentación relacionada con feitos que poderían ser constitutivos de delito por parte dos responsables da aprobación provisional do PXOM de Lugo. Concretamente, a documentación refírese a reclasificacións de solo para a ampliación dun campo de golf.
Esquerda Unida denunciou en xuño a reclasificación de máis de medio millón de metros cadrados dos sectores de solo urbanizable denominados FIXÓS S-1.RD e FIXÓS S-2.RD, que cambiaron de clasificación con respecto ao PXOM aprobado inicialmente e exposto ao público no 2006. No PXOM aprobado inicialmente constaban como solo rústico de protección agropecuaria e forestal, pasando agora a ser urbanizables. A zona posúe unha vasta masa forestal de bosque autóctono, especialmente carballos. Neses terreos o Club de Golf Lugo pretende construír chalés e un hotel para financiar a ampliación do campo de golf.
EU presentou o 17 de xuño un escrito dirixido ao Sr. Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas solicitando a denegación da aprobación definitiva do PXOM e a orde ao Concello de repor a clasificación dos sectores FIXÓS S-1.RD e FIXÓS S-2.RD recollida no proxecto aprobado inicialmente. O PXOM atópase pendente da aprobación definitiva pola devandita Consellería, téndose prolongado o prazo por irregularidades na documentación presentada polo Concello.
EU ten coñecemento de presións recibidas por veciños da zona nos últimos anos para vender propiedades a prezos de solo rústico. De ser aprobado definitivamente o Plan pola Xunta de Galicia, as devanditas propiedades pasarán a ser urbanizables multiplicando o seu valor.
Ademais, EU denuncia outra irregularidade na propia normativa. As fichas que recollen estes sectores na normativa urbanística din textualmente: "O desenvolvemento do Sector debe permitir a ampliación do actual campo de golf a 18 foxos, integrado no Plan Director de Campos de Golf da Consellería de Industria da Xunta de Galicia". As autoridades da Consellería de Industria negan taxativamente a existencia deste plan. Hai que lembrar que nese momento a Consellería estaba dirixida por un lucense dirixente do BNG, Fernando Blanco.
Por último, EU entregou documentación á Fiscalía que demostra a vinculación societaria de empresas pertencentes a parentes da Delegada de Urbanismo, María Novo, co Club de Golf.
EU sostén que, de ser estes actos constituíntes de posibles delitos, estarían implicados en maior ou menor grao os tres partidos presentes na Corporación lucense, PSOE, PP e BNG. Os dous primeiros votaron favorablemente o PXOM.

1 comentario:

  1. Eles ladran, logo vós cabalgades...

    http://pacorivera.elprogreso.info/

    ResponderEliminar