viernes, 30 de octubre de 2009

ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHAS ORDENANZAS FISCAIS MÁIS PROGRESIVAS E SOLIDARIAS

Atender as problemáticas derivadas do desemprego co aprazamento dos pagos, gravar as vivendas baleiras e a especulación cos solares urbanos consolidados, son algunhas das achegas

Para Esquerda Unida, a proposta de ordenanzas fiscais para o vindeiro exercicio orzamentario de 2010 ten que combinar dous requisitos:

- a necesidade de que o concello conte cos recursos económicos suficientes para atender os servizos que presta á veciñanza.

- a esixencia de aumentar a atención ás situacións de necesidade derivadas da actual crise económica e que afecta a nosa cidadanía cun moi grave problema de desemprego.

Esquerda Unida considera que no contexto actual hai que acentuar as políticas fiscais que reduzan a carga impositiva aos traballadores/as que se atopan na situación de desemprego, e hai que pór o acento en dotar da meirande progresividade fiscal aos tributos municipais nos que é posible legalmente facelo.

Esquerda Unida, dacordo co exposto, achega as seguintes propostas para conquerir unha mellora na actual proposta de ordenanzas fiscais para 2010:

1. Que na Ordenanza Fiscal Xeral se contemple a figura do aprazamento sine die nos pagos fraccionados da débeda cando o suxeito pasivo acredite atoparse no desemprego ou non percibir ingresos superiores ao SMI.

2. Que en todas as ordenanzas fiscais que o permitan legalmente, se introduza a progresividade mediante un índice corrector do pago que atenda á renda per capita da unidade familiar.

3. Que en todas as ordenanzas fiscais nas que sexa legal facelo, se contemple un tratamento impositivo favorable para as unidades familiares monoparentais en razón da súa problemática específica. Sen ánimo de exhaustividade, incorporar a figura das unidades familiares monoparentais como suxeitas beneficiarias da mesma bonificación que as familias numerosas.

4. Incluir un artigo novo na ordenanza fiscal regulamentadora do "Imposto sobre bens inmobles", que grave as vivendas baleiras desocupadas cun incremento no IBI do 50%, aproveitando a posibilidade que neste sentido recolle a Lei de Facendas Locais dende xaneiro de 2003.

5. Penalizar aos propietarios de solares urbanos consolidados que non cumpran co deber de edificar e, rebaixar o límite do valor catastral para poderen ser gravados, até co dobre da cota do IBI.

6. Duplicar a taxa de declaración de ruína aos propietarios que non conserven os seus inmobles e provoquen a posterior declaración de ruína, cando sexa dito propietario quen a promove.

7. Establecer unha exención total na ordenanza de "Prezo público pola prestación de servizos nas instalacións deportivas e de recreo municipal", pola utilización de instalacións deportivas a todas ás asociacións deportivas que traballen con menores de idade e que estean radicadas en Lugo, ao obxecto de fomentar o deporte de base no noso concello.

Hai que lembrar que o ano pasado o Concello aplicaba por vez primeira unha vella demanda da nosa organización, presentada por EU como moción no rexistro municipal en novembro de 2004. Trátase da imposición dunha taxa pola instalación de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo dende a vía pública.


No hay comentarios:

Publicar un comentario