miércoles, 25 de noviembre de 2009

25 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A INSUFICIENCIA DOS RECURSOS ADICADOS AOS CENTROS DE INFORMACIÓN DA MULLER E A PRIVATIZACIÓN DOS PUNTOS DE ENCONTRO.

Esquerda Unida vén de presentar mocións en toda Galicia nas que se incorporan un conxunto de propostas diante da xornada, que ten que ser de reivindicación e loita, do 25 de novembro, día internacional contra a violencia de xénero. Así mesmo a militancia de EU está a repartir por toda Galicia dípticos informativos que explican os distintos tipos de violencia de xénero, a nosa situación actual así como as esixencias de EU.

Esquerda Unida considera imprescindible diante do regueiro de morte e sufrimento que produce a lacra da violencia de xénero, que se acorden un conxunto de actuacións que permitan o desenvolvemento da Lei 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, xa que logo, a lei aprobada pola Xunta do bipartito adoece dunha serie de cumprimentos, que eivan de maneira grava asúa eficacia:

− A nosa organización reclama a constitución do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero, que permita facer un seguimento e análise e proposta sobre a cuestión.

− A creación dun Centro de Recuperación Integral, que permita dar unha cobertura de estabilidade e integralidade ás situacións das mulleres que de maneira transitoria diante de emerxencias acoden ás casas de acollida.

− O salto cualitativo garantindo unha formación en igualdade a todas e todos os profesionais que traballen directa ou indirectamente nesta cuestión, superando o actual estadio de voluntariedade que impera neste campo.

− A aplicación dunha medida estrutural e pedagóxica da meirande importancia: a revisión dos currículos educativos para atender o tratamento educacional desta cuestión nas diferentes etapas educativas.

− A posta en funcionamento da Comisión Interdisciplinar de Igualdade, vencellada coa consellaría de facenda e que permita a abordaxe e a achega dos necesarios recursos económicos cun enfoque transversal e integral.

Esquerda Unida denuncia que por el contrario o Goberno do PP na Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Familia e o Consorcio de Igualdade e Benestar, está a eliminar o programa denominado Plan de Igualdade que traballa en información, sensibilización e formación en prol da igualdade.

Esquerda Unida reclama a fin da privatización dos puntos de encontro e un esforzo orzamentario para mellorar as dotacións vencelladas coas casas de acollida e dos centros de información da muller, que adoecen dos recursos e do persoal necesarios para garantir todos os servizos que demanda a nosa cidadanía.

A Executiva Nacional de EU fai un chamamento á cidadanía a participar nos diferentes eventos e mobilizacións que co gallo do 25 de novembro van encher a nosa xeografía, no convencemento do valor cívico do compromiso e a loita pola igualdade.

DÍPTICO: Páxina 1 - Páxina 2

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

No hay comentarios:

Publicar un comentario