viernes, 27 de noviembre de 2009

EU APOSTA POLA CREACIÓN DUNHA CAIXA ÚNICA GALEGA AFASTADA DOS MERCADOS FINANCEIROS ESPECULATIVOS, QUE SEXA O XERMOLO DUNHA FUTURA BANCA PÚBLICA

ESQUERDA UNIDA PROPÓN UNHA CAIXA QUE DEDIQUE A SUA ACTIVIDADE POR E PARA A CIDADANÍA.

A DEFENSA DO EMPREGO E A APOSTA POLO CRETO Á ECONOMÍA PRODUCTIVA, EIXOS DA NOSA PROPOSICIÓN.

EU APOSTA POLA CREACIÓN DUNHA CAIXA ÚNICA GALEGA AFASTADA DOS MERCADOS FINANCEIROS ESPECULATIVOS, QUE SEXA O XERMOLO DUNHA FUTURA BANCA PÚBLICA DIRIXIDA POLOS PODERES PÚBLICOS.

Esquerda Unida entende que hai que superar os localismos para que prevalezan os intereses xerais do conxunto do país, por iso vai defender un proceso de fusión de ámbalas dúas caixas galegas, que permita crear unha caixa única galega xermolo da futura banca pública, xa que logo, a quebra das políticas neoliberias, concretamente no eido financeiro a burbulla especulativa, o desregulamento e os intereses espurios que alimentaron as devanditas políticas, esixe a creación dunha caixa única galega controlada democraticamente polos poderes públicos que dedique a súa actividade por e para a cidadanía.

Dende EU queremos deixar claro que as actuais caixas defiren enormemente do espírito e principios constitucionais cos que foron creadas, pois non é suficiente con investir parte dos seus beneficios en obra social, que no caso das caixas galegas non chega nin a metade. Non en vano na actualidade a cidadanía case non distingue entre a banca privada e as caixas, incluso algúns dos seus altos directivos autonoméanse banqueiros.

Esquerda Unida pula pola creación dunha caixa única galega que basee os seus principios no servizo a cidadanía, na que se abandonen os mercados financeiros especulativos para investir en economía real. Esiximos políticas crediticias que atendan aos sectores produtivos xeradores de emprego, as pemes e a os cidadáns que se atopan en dificultades de financiamento. Porque o fin das caixas non é producir beneficios para investilos como obra social adicada ao mundo da cultura entendido como mero espectáculo, senón solucionar os problemas de financiamento da cidadanía.

Por outra banda, consideramos fundamental a utilización dunha gran caixa galega para dotarnos dun instrumento quen de apoiar políticas públicas de planificación estratéxica da economía galega na que os poderes públicos establezan as liñas mestras de actuación en lugar de apoltronarse nas cadeiras de dirección para oír, ver e calar. Para a nosa organización, o poder político galego ten que facer valer as previsións recollidas no artigo 30 do Estatuto, esto é, a competencia exclusiva no que atinxe ás caixas de aforros. O centro decisorio da nova caixa ten que radicar no noso país. A Xunta de Galicia ten que afirmar a nova caixa como un instrumento para o desenvolvemento social e económico do país. Neste senso EU considera indispensable garantir o carácter público das caixas, diante dos declarados intereses do capital financeiro por privatizar este ámbito.

En definitiva, Esquerda Unida considera as seguintes cuestións como claves para desenvolver de maneira axeitada o proceso de creación dunha caixa única galega:

- Garantir o mantemento do emprego diante da vindeira redución de sucursais.

- Saneamento das caixas antes de proceder á fusión das mesmas.

- Mantemento das caixas como entidades públicas xestionadas por profesionais, pero dirixidas polos poderes públicos de maneira clara e decida segundo a política económica deseñada ou planificada.

- Aposta por unha política crediticia que atenda a economía produtiva e aos sectores xeradores de emprego.

- Redefinición da política social das caixas, superando unha competencia estéril e redundante entre elas e cun enfoque demasiado atento aos espectáculos.

Gabinete de Prensa
Secretaría de Comunicación
Executiva Nacional de Esquerda Unida

No hay comentarios:

Publicar un comentario