domingo, 13 de diciembre de 2009

REFUNDANDO A ESQUERDA



ESQUERDA UNIDA PRESENTOU EN ROLDA DE PRENSA O DOCUMENTO “PARA CONSTRUÍR UNHA ALTERNATIVA NACIONAL E DE ESQUERDAS”, CO QUE SE LANZA O PROCESO PARA A REFUNDACIÓN DA ESQUERDA

A REFUNDACIÓN DA ESQUERDA PRETENDE SER O PROCESO QUE DOTE A SOCIEDADE PROGRESISTA DE NOVOS FOLGOS PARA LOITAR CONTRA O PENSAMENTO ÚNICO NEOLIBERAL

ESQUERDA UNIDA PRETENDE ACERCAR A POLÍTICA A CIDADANÍA MEDIANTE UN DEBATE AGLUTINADOR QUE PERMITA A SOCIEDADE GALEGA PARTICIPAR ACTIVAMENTE NOS EIDOS DE DECISIÓN

Unha representación da Executiva Nacional de Esquerda Unida fixo público, en rolda de prensa, o documento Para construír unha alternativa nacional e de esquerdas, co que se lanza o proceso para a refundación da esquerda na Galiza. Previamente a presentación pública a organización política mantivo unha xuntanza con CCOO dando inicio a unha rolda de contactos con os diferentes axentes sociais, políticos, económicos, organizacións ecoloxistas, feministas, pro dereitos humanos e culturais que se prolongará ao longo dos próximos meses por toda a xeografía galega. Así no mes de marzo iniciarase o proceso para a refundación da esquerda cun gran acto festivo en Compostela coa participación de importantes persoeiros do mundo da cultura galega.

Os ditos encontros pretenden facer ver as distintas organizacións a importancia de que contribuían no proceso denominado refundación da esquerda. Un proceso que segundo explicou a Coordinadora Xeral, Yolanda Díaz, vai moito máis alá dun intento de mellorar resultados electorais, xa que logo, o que se pretende e dotar a sociedade dun instrumento que demostre que si se poden cambiar as cousas, en contraposición do que nos quere facer ver o mensaxe neoliberal.

Díaz recoñeceu que, en Galiza, a xente de esquerdas atópase derrotada despois da decepción que supuxo o goberno bipartito, pero insistiu en que para combater o avance da dereita "temos que convencer as miles de voces críticas de que si se absteñen nada se poderá facer", porque en realidade "somos imprescindibles", xa que "existe unha gran demanda de esquerda neste país", dixo.

Así pois atopámonos nun proceso no que se pretende que as xentes de esquerdas realicen unha reflexión profunda na que se desvelen os nosos erros e se acade unha liña de pensamento que combata ao pensamento único neoliberal. E dicir temos que “repensar” a esquerda e preguntarnos que facer na Galiza do século XXI para levar a cabo unha política que enxalce valores como xustiza, igualdade de oportunidades, liberdade, solidadaridade ou sustentabilidade a través da honestidade política e rexeneración democrática.

Este proceso, como explicou o responsable da Secretaría de Organización, César Santiso, pretende acercar a política a cidadanía mediante un debate aglutinador no que todos os pensamentos de esquerdas alternativos e transformadores se sintan incluídos e que permita a sociedade participar activamente nos eidos de decisión mediante a creación de fluxos de información que transcorran de abaixo a enriba. A refundación pretende ser un proceso participativo, por iso desenvolveranse foros e charlas-coloquio en todas as comarcas galegas, coa intención de que os cidadáns e cidadás poidan debater libremente.

Obviamente será un proceso complexo e complicado, especialmente difícil na Galiza ao non dispor Esquerda Unida de representación parlamentaria. Estamos a falar dun proceso que comeza hoxe pero que non ten data de remate, xa que logo, é unha labor moi grande a que temos que acometer, nembargantes, os homes e mulleres de Esquerda Unida afrontamos este proceso cheos de ilusión e optimismo, pois estamos plenamente convencidos de que outro mundo non só e posible senón que é necesario.

Gabinete de Prensa

Secretaría de Comunicación

Executiva Nacional de Esquerda Unida

No hay comentarios:

Publicar un comentario