domingo, 28 de febrero de 2010

... E ELES XÚNTANSE

Artigo de Carlos Portomeñe sobre a homenaxe da CEL ao Ministro de Fomento

Aos "roxos" desgústanos a caridade, e o uso maniqueo do termo solidariedade dános náuseas. Por exemplo, sempre deploramos a utilización hipócrita da falsa solidariedade por parte da tradición católica, apostólica e romana para purgar as súas culpas e expiar os seus pecados. Forma parte da devandita cultura a idea de que os pecados cometidos pola semana se absolven o domingo para poder continualos ao día seguinte. Pero principios como a solidariedade, a igualdade e a xustiza non poden ter días festivos.

Ese espírito fariseo é o mesmo que impregna a "cea-gala de solidariedade" na que se entregará a insignia de ouro da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) ao actual ministro de Fomento, José Blanco. A "Pepiño" amontóanselle as homenaxes dende que é ministro.

O noso dicionario que é rico en acepcións, mesmo cando son vulgares e malsoantes, recolle o termo "lambecús" para referirse a certa panda de aduladores e estómagos agradecidos. Mentres a provincia se morre de desidia, de envellecemento, de precariedade laboral ou de pensións de miseria algúns gobernantes e empresarios, os únicos responsables de tal situación, homenaxéanse mutuamente. Os caciques sempre amañaron corredoiras, con especial esmero e dedicación en vésperas de xornadas electorais. A modernidade tróuxonos as pontes, as autovías e as riadas de cemento e ladrillo, pero non deixa de ser a mesma "síndrome da corredoira". Por suposto, trátase da modernidade mal entendida, ao uso do noso glorioso empresariado; pola contra, a Ilustración consideraba Modernidade a centralidade do ser humano. A provincia con maior rede viaria de España dá de comer (e moi ben) aos nosos gobernantes grazas ás eternas promesas en infraestruturas, coma se as estradas arranxasen os cerebros. Habería que ter un bo ministerio para fomentar cerebros, non vías e obras, pero os segundos enchen os petos dos que logo homenaxean.

Mesmo Francisco Cacharro valora agora "os méritos e o bo facer" do ministro e augúralle maiores metas. Aquel que en 2006 acusaba ao palense de conspirar co fiscal xefe para iniciar a Operación Muralla, esa causa que "curiosamente" leva paralizada nos xulgados dende entón. Non faltará o expresidente na homenaxe, nin tampouco os seus empresarios acólitos. Os tempos cambian.

Tamén cubrirá amplamente a noticia algún xornal local reconvertido no diario oficial do Ministerio de Fomento, institución que tamén fai os seus "pinitos" no control dos contidos informativos á usanza do vello Ministerio de Información e Turismo.

Todos xogando a promover un candidato á Presidencia do Goberno, central non autonómico, que Lugo sempre foi terra de ambicións.

Nunha provincia atestada de variadas tramas delituosas e de corrupción, algúns dos directa ou indirectamente implicados cearán xuntos, xa afeitos a verse en todo tipo de festas. Habería que ver cantos dos asistentes botarían balóns fóra se o homenaxeado caese en desgraza. A bo seguro sairía a flote o tópico de que o poder corrompe. Ou haberá que estar corrompido para ter o poder?

Non é estraño que a Cruz Vermella participe na cea-gala de solidariedade organizada pola CEL. Ten longa experiencia no campo dos servizos sociais e da atención a colectivos vulnerables. E ao día seguinte todos a pecar, que xuntos terán celebrado a súa propia catarse colectiva.

No hay comentarios:

Publicar un comentario