viernes, 25 de febrero de 2011

EU PIDE A DERROGACIÓN DA LEI DE AUGAS CARACTERIZADA POLO SEU AFÁN RECADATORIO E PRIVATIZADOR

Esquerda Unida presentou hoxe no Concello unha moción para que o Pleno se pronuncie solicitando á Xunta de Galicia a derrogación da Lei 9/2010, coñecida como Lei de Augas. EU leva adiante unha campaña pola derrogación da Lei de Augas de Galicia, presentando mocións nos concellos, pedindo instar á Xunta de Galicia a derrogar esta lei caracterizada polo seu afán recadatorio e privatizador.

A lei galega apróbase malia algunhas consideracións negativas que formula o Consello Consultivo de Galicia no que afecta ao canon, ao dubidar da súa oportunidade no actual intre de creise económica. Mesmo a propia Dirección Xeral de Tributos da Xunta advirte do carácter discriminatorio e inxustificado da disposición prevista para pagar as cotas pendentes ás piscifactorías, recomendando outras solucións.

EU quere chamar a atención na aplicación do canon da auga por servizos non prestados. Os veciños que empregan as traídas veciñais van ter que aboar por servizos non prestados, custos que poden triplicar o importe da factura da auga.

A Lei non pon a énfase na regulamentación dos usos da auga, nen nas estratexias para evitar a súa contaminación, nen na redución do consumo. A realidade do texto é que non achega novidade algunha no plano ambiental, ao limitarse a reproducir as obrigas establecidas na lexislación estatal e comunitaria. EU considera que son outros os criterios que deben dirixir a política se subministro e saneamento, non os da rendibilidade económica. Os parámetros social, ecolóxico e de solidariedade interterritorial son os chamados a desenvolver unha política da auga sustentable.

Un segundo aspecto especialmente inquedante é o seu afán privatizador. Remuda a estrutura administrativa da xestión do auga, que adquire unha fórmula de dereito privado na meirande parte das súas decisións. De feito, o Consello Económico e Social no seu informe de maio afirmaba con rotundidade: " Non se xustifica a oportunidade da creación da nova sociedade pública."

EU entende necesario desenvolver mecanismos de xestión da auga de carácter público, social e participativos, consonte co movemento que ao longo do planeta está a demandar a volta ao sector público e social dos organismos adicados a garantir este servizo público fundamental.

Por outra banda, a Lei castiga sobremaneira ao rural, espazo tradicionalmente desatendido en materia de servizos de auga e saneamento, e o que agora verase obrigado a pagar polos servizos non recibidos. Para EU, terían que haber medidas de bonificación para a veciñanza que vive no rural co obxecto de contribuír a favorecer o artellamento territorial do noso país.

No hay comentarios:

Publicar un comentario