jueves, 24 de marzo de 2011

Moción contra a guerra en Libia, presentada pola agrupación local de EU-Lugo




EXMO. SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE LUGO



NON Á GUERRA EN LIBIA

Carlos Anxo Portomeñe Pérez, con DNI e domicilio para os efectos de notificación en Carril do Son, 3- 1º, en nome e representación de ESQUERDA UNIDA, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida non mesmo coa seguinte,


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Consello de Seguridade da ONU aprobou o pasado 17 de marzo a resolución 1973 na que establece unha serie de medidas co obxecto de “protexer á poboación civil libia contra os abusos e graves violacións dos dereitos humanos" por parte do goberno de Muamar el Gadafi en Libia. Amparados na devandita Resolución varios gobernos, entre os que se encontra o español, emprenderon accións militares en territorio libio procedendo ao bombardeo sistemático de diferentes puntos do país, incluíndo obxectivos civís.

A resolución do Consello de Seguridade nin sequera foi aprobada por consenso, xa que contou con 10 votos a favor e coas abstencións de Alemaña, India, Rusia, China e Brasil. A actual intervención militar, que conta co mando único de Estados Unidos, pode desencadear nun agravamento da crise tanto en Libia coma na rexión.

As reservas dos países que se abstiveron no Consello de Seguridade, que detectan "considerables danos e riscos nunha acción militar", avalan esta tese. Nin sequera na Unión Europea ou na OTAN existe unanimidade sobre os supostos efectos positivos dunha acción militar sobre territorio libio. Esquerda Unida considera que a devandita resolución dificulta gravemente o alcance dun alto ao fogo en Libia e reafírmase en contra de calquera intervención militar estranxeira no país.

Ademais, a acción ofensiva sobre territorio libio excede claramente o contido da Resolución 1973 do Consello de Seguridade da ONU, ao non se limitar ao establecemento dun espazo de exclusión aérea.

Malia non contar coa aprobación do Congreso, España comezou a súa participación con militares e diverso material de guerra aérea e naval. En concreto, catro cazas F-18 que achegou España a este despregamento bélico xa estiveron operativos e recibiron autorización para poder abrir fogo sen que existise unha autorización previa da Cámara Baixa. Desvalorizouse o papel do Congreso dos Deputados a pesar do compromiso adquirido durante a guerra de Iraq, convertendo a
preceptiva consulta ao Lexislativo dunha acción militar nunha simple ratificación.


EXMO. SR. ALCALDE PRESIDENTE DO CONCELLO DE LUGO

Resulta evidente que a actitude dos países atacantes non parte da responsabilidade de protexer, senón do seu suposto dereito a controlar: non é unha cuestión de dereitos humanos. Hai que saber que a guerra, a intervención militar, a exclusión no espazo aéreo, provocan máis sufrimento, máis desprazamentos de poboación, enconan as situacións e os enfrontamentos, e dificúltase a solución dos conflitos.

A pesar de que a accións militares teñen, a diferenza de Iraq, un mandato de Nacións Unidas, non defenden os dereitos humanos nin a democracia en Libia, porque nin os dereitos humanos nin a democracia se impoñen mediante a guerra. Moi ao contrario: son os intereses geoestratégicos, económicos e políticos en Libia os que predominan.

É hipócrita falar de dereitos humanos cando nestes momentos hai no mundo trinta e dous conflitos practicamente iguais, con características moi similares ao de Libia e, non obstante, nin sequera se toman medidas de bloqueo económico ou armamentístico contra eses gobernos represores.

Por iso, fronte á opción da guerra na xestión da crise libia que encabeza o
Presidente do Goberno, a Agrupación Comarcal de Esquerda Unida en Lugo, xa que
logo, somete ao Pleno do concello de Lugo a seguinte proposta de


ACORDOS

1. Rexeitar a saída bélica ao conflito Libio e establecer un inmediato alto o fogo.

2. Instar o goberno a buscar a solución a este conflito coa presión político-diplomática, para emprazar ás partes a un alto ao fogo verificable con presenza de observadores internacionais e a que se estableza un calendario para unhas eleccións que permitan ao pobo libio o exercicio da súa autodeterminación. Non se pode tolerar ningunha inxerencia militar.

3.- Esiximos ao Goberno que non autorice a Estados Unidos o uso de bases en
territorio español para levar a cabo operacións militares.


Lugo, 23 de marzo de 2011
Asdo. Carlos Anxo Portomeñe Pérez
Coordinador de EU en Lugo

No hay comentarios:

Publicar un comentario