miércoles, 17 de diciembre de 2014

ESQUERDA UNIDA-LUGO ESIXE AO CONCELLO O ESTABLECEMENTO DUN “PROGRAMA CONCILIA NADAL” PARA AS FAMILIAS LUCENSES.

A actividade “Aulas abertas” no Nadal, cuxo prazo de inscripción remata hoxe, non alcanza nin ó 1% dos rapaces a quen vai dirixido.

EU-Lugo esíxelle ao Goberno do Concello de Lugo, o establecemento dun “Programa Concilia Nadal” para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos fogares con menores a cargo durante os preto de 20 días que duran as vacacións escolares do nadal. Un período, o de Nadal, onde moitas familias nunha situación económica e laboral moi complicada, pasan serios apuros para coidar e atender ós seus fillos e fillas.

As 100 prazas ofrecidas nas “Aulas abertas” pola Concellería de Benestar, son absolutamente insuficientes para os 12.474 menores de 15 anos censados no concello de Lugo, polo que tan só alcanzarían o 0,5 % dos nenos e nenas a quen vai dirixido, en horario de 9.30 a 13.30.

Por outra banda, para Esquerda Unida, o programa de Nadal, previsto pola Concellería de Cultura, ten un marcado carácter festivo e non contempla a grave situación das familias lucenses, nun Concello no que 17.469 familias chegan con dificultade a fin de mes (segundo os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística) e nunhas datas no que moitas familias teñen que asumir, nun período de incremento de gastos nos fogares como o Nadal, novos gastos de gardería ou de coidadores a domicilio durante o período non lectivo.

EU-Lugo demanda do Concello de Lugo o establecemento de obradoiros socioeducativos durante a xornada laboral que sexan abertos a todas as familias de Lugo, tendo especialmente en conta a situación económica das persoas solicitantes e aproveitando as instalacións educativas existentes no Concello.

Finalmente, EU critica o feito de que a metade dos eventos contemplados polo programa para o Nadal deseñado polo Goberno de Lugo, teña lugar en instalacións da Igrexa Catolica, dende igrexas, centros parroquiais a residencias de anciáns, o que resulta impropio dun modelo de xestión cultural público e que teña aspiracións de chegar a toda a cidadanía.


No hay comentarios:

Publicar un comentario