lunes, 21 de septiembre de 2015

Cen días sen proxecto político

“A ALCALDESA NON QUERÍA ESTE CARGO, FOILLE IMPOSTO, AO IGUAL QUE A OUTROS INTEGRANTES DO SEU EQUIPO, E ISO NÓTASE NO SEU XEITO DE GOBERNAR”

Ø  Para o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, Carlos Portomeñe, o novo equipo de goberno “manéxase coma se tivese maioría absoluta, cousa que non é de estrañar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis. De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.  
Ø  A alcaldesa presume de “diálogo fluído” cando nos temas cruciais para a cidade prefire o silencio sepulcral propio dos gobernos autoritarios, como ante a presunta malversación de nada menos que 600.000€ das arcas municipais na conversión en S.A.D. do C.D. Lugo.  
Ø  A percepción de ACE é que nos atopamos diante dunha das corporacións máis conservadoras da democracia, non só por parte do goberno, senón tamén da oposición, pois a maioría dos grupos só presentan propostas conxunturais que non transforman o modelo de cidade.

Lugo, 20 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas lamenta que tras cen días de goberno, a sensación principal que transmite o novo equipo do PSOE encabezado por Lara Méndez é a falta dun proxecto político propio que rexa as decisións tomadas. “A improvisación e a desgana ocupan o lugar da xestión e a ideoloxía neste Concello. A alcaldesa non quería este cargo, foille imposto, ao igual que a outros integrantes do seu equipo, e iso nótase no seu xeito de gobernar”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE. “A única decisión de calado tomada en cen días foi a suspensión temporal do servizo da ORA, e non é máis que o cumprimento tardío do mandato dunha sentenza xudicial”.

O concelleiro de ACE está decepcionado ante o xiro radical que deu Méndez tralo seu conciliador discurso de investidura, no que colocaba o pacto e o diálogo como principais características do que ía ser o seu estilo de goberno. Sen embargo, “manéxanse coma se tivesen maioría absoluta, cousa que non é de estrañar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis”, sinala Portomeñe. “De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.

Son moitos os exemplos que denotan a falta dese “diálogo fluído” do que a alcaldesa insiste en presumir, mentindo abertamente á cidadanía. Un dos máis evidentes foi a programación das festas de San Froilán, sobre a que a oposición foi informada a posteriori e sen nin sequera exercer potestade de opinión sobre os grupos musicais, cando ata pode exercela un parente directo da concelleira de Cultura. “Nos temas realmente cruciais para a cidade Méndez prefire o silencio sepulcral ao diálogo. Só un goberno autoritario pode permitirse eludir explicacións ante unha presunta malversación de fondos públicos coma a da conversión en S.A.D. do C.D. Lugo. Nada menos que 600.000 € das arcas municipais poden ter sido destinados a unha débeda privada, cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas polo Concello a temas de urxencia social”, recalca o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas.


A percepción de ACE é que nos atopamos diante dunha das corporacións máis conservadoras da democracia, non só por parte do goberno, senón tamén da oposición. Nese sentido, para o grupo municipal é positivo que haxa novas propostas, pero estas deben responder a principios políticos. O Concello de Lugo necesita un cambio estrutural, e as propostas que a maioría dos grupos están a poñer enriba da mesa atenden case sempre simplemente a cambios conxunturais, que non transforman o modelo de cidade. "Dá a impresión de que as propostas se venden ao peso. Sobran ideas, pero falta vontade política. Está claro que en cousas como a reparación de baches ou a sinalización horizontal imos estar todos de acordo, pero temos a obriga de abordar os asuntos centrais que realmente poderán cambiar o noso modelo de cidade: a fiscalidade (deben pagar máis os que máis teñen); a economía e a xestión dos servizos (para reverter a situación das 17.000 persoas en risco de exclusión social e ofrecer servizos públicos universais e de calidade), o urbanismo (para que responda ás necesidades dos lucenses e non aos intereses das empresas construtoras), a participación cidadá (para acadar a radicalidade democrática), e as políticas de igualdade (para erradicar o machismo da nosa sociedade e a cada vez máis alarmante violencia contra a muller)”, conclúe Portomeñe

No hay comentarios:

Publicar un comentario