Mostrando entradas con la etiqueta Alternativa Cidadá de Esquerdas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Alternativa Cidadá de Esquerdas. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de octubre de 2015

Medidas de xustiza fiscal: aumento da taxa aos bancos por caixeiros na vía pública

ACE-EU PROPÓN QUE SE AUMENTE A 3.500 EUROS ANUAIS A TAXA QUE O CONCELLO COBRA ACTUALMENTE Á BANCA POLOS CAIXEIROS CON ACCESO Á VÍA PÚBLICA


Ø  Con 40 caixeiros automáticos como mínimo que existen na cidade de Lugo con acceso directo á vía pública, o Concello podería obter 140.000 euros ao ano, cuantía que equivale aos ingresos obtidos pola recadación da O.R.A., que supón unha media de 12.000 euros ao mes para as arcas municipais, polo que se compensarían os recursos perdidos ao establecer a gratuidade da zona azul.
Ø  Concellos como os de Ribadavia e O Carballiño, ámbolos dous gobernados polo PSOE e cunha poboación moito menor que a de Lugo (aprox. 5.000 e 15.000 habitantes respectivamente), ingresan dende hai tempo 2.920 euros por caixeiro ao ano. Con preto de 100.000 habitantes, Lugo só cobra á banca 284, 23 euros anuais. “Co exemplo doutros municipios demostramos que é perfectamente viable que pague máis quen máis ten se existe vontade política”, apunta o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe.
Ø  Os caixeiros automáticos moven cada ano uns 110.000 millóns de euros, e segundo as estimacións de ADICAE, o cobro de comisións por extraccións de efectivo ascenden a 21.000 millóns de euros anuais (o 20% do total).
Ø  “Parécenos xusto que os bancos paguen unha taxa máis axustada ao beneficio que obteñen cos cobros aos usuarios. As entidades financeiras teñen unha parte moi importante da responsabilidade da crise, e aínda que foron rescatadas cos cartos públicos seguen executando desafiuzamentos, restrinxindo o crédito, aumentando as comisións (La Caixa, BBVA e Santander queren cobrar 2 euros por uso dos caixeiros aos non clientes en contra do criterio do Banco de España) e recortando plantilla (incluso se atopan agora mesmo negociando á baixa o convenio laboral do sector)”, salientou Portomeñe.

Carlos Portomeñe explicou esta mañá en rolda de prensa a proposta de ACE-EU para a taxa por caixeiros na vía pública


Lugo, 1 de outubro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida propón aumentar ata 3.500 euros a cuantía que o Concello cobra actualmente á banca polos caixeiros automáticos con acceso á vía pública, como medida para aumentar os recursos municipais sen penalizar ao contribuínte medio. O Concello de Lugo só ingresa 284,23€ ao ano por cada caixeiro, tal e como establece a ordenanza fiscal número 156, unha das que ACE-EU considera prioritario modificar para conseguir unha maior progresividade impositiva.

Con 40 caixeiros automáticos como mínimo que existen na cidade de Lugo con acceso directo á vía pública, o Concello podería obter 140.000 euros ao ano, cuantía que equivalería aos ingresos obtidos pola recadación da O.R.A., que supón unha media de 12.000 euros ao mes para as arcas municipais, polo que se compensarían os recursos perdidos ao establecer a gratuidade da zona azul. “Xa que o goberno do PSOE amósase moi preocupado pola inviabilidade de facer pública a xestión do regulamento de aparcadoiros, poñémoslle en bandexa a solución para que a medida non afecte aos orzamentos”, explica o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe.

O equipo de goberno e o resto de grupos da oposición, a excepción do BNG, cuestionaron a viabilidade e legalidade das propostas incluídas na moción de ACE-EU para garantir a progresividade nas ordenanzas fiscais do vindeiro ano, entre elas a de subir a taxa por aproveitamento da vía pública con caixeiros automáticos. Sen embargo, a súa legalidade está perfectamente establecida por unha sentenza de febreiro de 2009 do Tribunal Supremo, e son numerosos os exemplos de concellos de todo o Estado que cobran moito máis que Lugo aos bancos por este concepto. Sin ir máis lonxe, municipios como os de Ribadavia e O Carballiño, ámbolos dous gobernados polo PSOE e cunha poboación moito menor que a de Lugo (aprox. 5.000 e 15.000 habitantes respectivamente), ingresan dende hai tempo 2.920 euros por caixeiro ao ano. E foi precisamente o propio PSOE en O Carballiño o que pediu que mesmo se subise esa taxa ata os 3.600 euros anuais.

“Co exemplo doutros municipios demostramos que é perfectamente viable que pague máis quen máis ten se existe vontade política”, apunta o concelleiro de ACE-EU. Outras localidades galegas duplican o imposto anual por caixeiro de Lugo: Vilagarcía con 624 €, Ferrol con 560€ ou Ponteareas con 500€. Son tamén moitos os casos fóra de Galicia que deixan moi atrás a nosa cidade: Barcelona con 855€; Torrevieja, Pizarra (Málaga) e El Campello (Alicante) con 1000€; Sevilla con 693€ ou Málaga con 693€.  

Os caixeiros automáticos moven cada ano uns 110.000 millóns de euros, e segundo as estimacións de ADICAE, o cobro de comisións por extraccións de efectivo ascenden a 21.000 millóns de euros anuais (o 20% do total). “Parécenos xusto que os bancos paguen unha taxa máis axustada ao beneficio que obteñen cos cobros aos usuarios. As entidades financeiras teñen unha parte moi importante da responsabilidade da crise, e aínda que foron rescatadas cos cartos públicos seguen executando desafiuzamentos, restrinxindo o crédito, aumentando as comisións (La Caixa, BBVA e Santander queren cobrar 2 euros por uso dos caixeiros aos non clientes en contra do criterio do Banco de España) e recortando plantilla (incluso se atopan agora mesmo negociando á baixa o convenio laboral do sector)”, salientou Portomeñe, que tamén quixo lembrar o caso concreto de ABANCA, con 16 caixeiros na vía pública lucense, que está a desmantelar a obra social das antigas caixas galegas e que “non dubidou en pechar a escola infantil do Sagrado Corazón alegando que non resultaba rentable”.  


ACE-EU tamén quere chamar a atención sobre o agravio comparativo existente con respecto a outras taxas que o Concello de Lugo grava por usos que conlevan moito menor lucro ou ningún en absoluto. Por exemplo, a ordenanza número 403, que establece os prezos públicos pola prestación de servizos nas instalacións culturais, establece unha tarifa única de 515 € ao día polo emprego do Auditorio Municipal Gustavo Freire en festivais, actos ou eventos similares. “É inxustificable que unha asociación sen ánimo de lucro ou un grupo de teatro teñan que pagar nun só día ao Concello por realizar unha actividade de carácter sociocultural o doble do que un banco paga por explotar un caixeiro na cidade durante todo o ano”, sinalou o voceiro de ACE-EU

miércoles, 30 de septiembre de 2015

O PSOE goberna en Lugo en consoancia coas políticas privatizadoras e neoliberais do PP


“O ÚNICO PACTO EXISTENTE NA CORPORACIÓN PARA TUMBAR PROPOSTAS DE CARÁCTER SOCIAL É ENTRE O PSOE E O PP”


Ø  O concelleiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, quixo lembrarlle a Miguel Fernández, voceiro do goberno local, que “foi o PSOE o que se aliou co PP para o reparto de cargos de confianza, remuneracións e dedicacións exclusivas, relegando á precariedade laboral a tres dos grupos municipais; para impedir a participación dos colectivos sociais nos plenos ou para rexeitar a nosa proposta de progresividade fiscal, a única que cun coste económico cero permite aumentar os recursos do Concello para garantir os orzamentos e o gasto social”.

Ø  “O PSOE confunde coacción coa maioría democrática das votacións do pleno. Son eles os que gobernando en minoría intentan impoñer un modelo privatizado propio da dereita na xestión dos servizos locais, nós limitámonos a defender con coherencia as nosas premisas programáticas a prol dos servizos públicos e gratuítos”, remarcou Portomeñe. 

Ø  ACE-EU non entende que o PSOE teime en vender unha postura de diálogo e transparencia cando xa se puido comprobar que a alcaldesa mentiu abertamente no pleno ao asegurar que remitira a tódolos grupos municipais un borrador da O.R.A. que nunca chegou e polo que aínda están a agardar, así como que consultara o tema con todos na Xunta de Voceiros. “Solicitamos non só que nos envíen canto antes o cacareado borrador, senón tamén o informe técnico ao que insisten en referirse dende o goberno e do que ninguén ten coñecemento, que supostamente certifica a inviabilidade da remunicipalización do control dos aparcadoiros”, exise o voceiro de ACE-EU.

Lugo, 30 de setembro de 2015. – O concelleiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, en resposta ás acusacións contra os grupos de oposición de seguidismo co PP verquidas polo voceiro do goberno local, Miguel Fernández, asegura que “a realidade evidencia que o único pacto existente na corporación para tumbar propostas de carácter social é entre o PSOE e o PP”.  O voceiro de ACE-EU lembra que “foi o PSOE o que se aliou co PP para o reparto de cargos de confianza, remuneracións e dedicacións exclusivas, relegando á precariedade laboral a tres dos grupos municipais; para impedir a participación dos colectivos sociais nos plenos ou para rexeitar a nosa proposta de progresividade fiscal, a única que cun coste económico cero permite aumentar os recursos do Concello para garantir os orzamentos e o gasto social”.  

“O PSOE confunde coacción coa maioría democrática das votacións do pleno. Son eles os que gobernando en minoría intentan impoñer un modelo privatizado propio da dereita na xestión dos servizos locais, nós limitámonos a defender con coherencia as nosas premisas programáticas a prol dos servizos públicos e gratuítos”, remarcou Portomeñe. “As declaracións de onte de Miguel Fernández recordan ao chiste do tolo da autopista, que acusa a tódolos demáis conductores de ir en dirección contraria cando é el mesmo o que está a conducir polo carril equivocado”.

ACE-EU non entende que o PSOE teime en vender unha postura de diálogo e transparencia cando xa se puido comprobar que a alcaldesa mentiu abertamente no pleno ao asegurar que remitira a tódolos grupos municipais un borrador da O.R.A. que nunca chegou e polo que aínda están a agardar, así como que consultara o tema con todos na Xunta de Voceiros. “Solicitamos non só que nos envíen canto antes o cacareado borrador, senón tamén o informe técnico ao que insisten en referirse dende o goberno e do que ninguén ten coñecemento, que supostamente certifica a inviabilidade da remunicipalización do control dos aparcadoiros”, exise Portomeñe. “A constante referencia ao diálogo debe de ser outro dos chistes de humor negro do PSOE, que non admitiu propostas da oposición nin sequera nalgo tan inocuo como a programación cultural das Festas do San Froilán, aínda que si admite as propostas do fillo da concelleira de Cultura, Carmen Basadre”.


ACE-EU considera dun cinismo absoluto que o PSOE tilde de irresponsables e de dubidosa legalidade as mocións dos demáis grupos cando se atreve a levar ao pleno unha moción para o mantemento con cartos públicos dunha institución como a Cámara de Comercio, cuio funcionamento e xestión é claramente cuestionable non só dende o punto de vista legal, senón do puramente ético. “O goberno local ten unha curiosa forma de priorizar as persoas, a través da protección constante dos intereses das empresas privadas: queren manter o modelo privatizado de xestión dos servizos municipais, só consultan con determinadas asociacións patronais e comerciais o novo sistema da O.R.A., proclámanse en defensores dun organismo tan saqueado como saqueador como é a Cámara de Comercio de Lugo… sen esquecer que foi o PSOE quen deu o pistoletazo de saída aos recortes e ás reformas laborais no Estado e quen modificou o artigo 135 da Constitución para priorizar o pago da deuda sobre o gasto social. É urxente que se paren a reflexionar dunha vez sobre quen está a gobernar facendo seguidismo das políticas neoliberais do PP”, repasou o concelleiro Portomeñe.         

domingo, 27 de septiembre de 2015

ACE-EU pregunta á Alcaldía sobre o estado do servizo de Protección Civil

ACE-EU PREGUNTARÁ Á ALCALDÍA SOBRE PRESUNTAS IRREGULARIDADES NO SERVIZO DE PROTECCIÓN CIVIL


Ø  Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida ten coñecemento de distintas denuncias por parte dos propios voluntarios de presuntas irregularidades no funcionamento e prestación de dito servizo, presentadas no rexistro do Concello e que nunca recibiron resposta, así como do impedimento aos mesmos de desempeñar a súa función de voluntariado neste corpo. 
Ø  Entre as reclamacións atópanse asuntos de tal gravidade como a conducción de vehículos e a realización dos turnos baixo a influencia de bebidas alcohólicas por parte de diversos membros da agrupación de voluntarios, así como a carencia de moitos deles do permiso BTP para a condución de vehículos prioritarios e o emprego de vehículos públicos para usos privados.
Ø  O grupo municipal ACE-EU quere saber quen é actualmente o máximo responsable no Concello do servizo de Protección Civil e se dispón da cualificación necesaria para facelo.
Ø  ACE-EU preguntará tamén por que un vehículo que foi adquirido recentemente coa aprobación dunha Xunta de Goberno para ser empregado por Protección Civil  está en réxime de leasing e sen o correspondente rótulo do servizo municipal, ademais de cal é a partida económica destinada a Protección Civil nos orzamentos do presente exercicio.  
Ø  ACE-EU inclúe preguntas para saber cantos voluntarios figuran actualmente e con que periodicidade se actualiza o seu censo, e se existe persoal cualificado e coas titulacións necesarias para o emprego do material especializado co que conta o servizo, tales como desfibriladores, equipos de buceo ou lanchas Zodiac.


Lugo, 28 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida presentará unha batería de preguntas por escrito á Alcaldía sobre o estado do servizo de Protección Civil, ante o coñecemento de distintas denuncias por parte dos propios voluntarios de presuntas irregularidades no funcionamento e prestación de dito servizo, presentadas no rexistro do Concello e que nunca recibiron resposta, así como do impedimento aos mesmos de desempeñar a súa función de voluntariado neste corpo. Entre as reclamacións atópanse asuntos de tal gravidade como a condución de vehículos e a realización dos turnos baixo a influencia de bebidas alcohólicas por parte de diversos membros da agrupación de voluntarios, así como a carencia de moitos deles do permiso BTP para a condución de vehículos prioritarios e o emprego de vehículos públicos para usos privados.

O grupo municipal ACE-EU quere saber quen é actualmente o máximo responsable no Concello do servizo de Protección Civil e se dispón da cualificación necesaria para facelo. O último cargo do que se ten constancia referente a dita función é D. Enrique Camilo Fernández Fraga, que foi nomeado como persoal eventual para o posto de Asesor Especial en materia de Emerxencias e Protección Civil o 12 de xuño de 2011 e cesado con data de 31 de xullo de 2011, un mes despois, para converterse en Asesor Especial de Participación Cidadá, cargo que ocupou ata o día 13 de xuño de 2015. Desde o 14 de xullo de 2015, Fernández Fraga exerce de Colaborador Asesor do Gabinete da Alcaldía para o novo equipo de goberno, realizando “tarefas de confianza e asesoramento especial, coas funcións seguintes: “servirlles de apoio e colaboración directa á Alcaldía e ao grupo de goberno, asesoramento especial, relacións institucionais, información e demais funcións que se lle asigne relacionadas coas propias de confianza e asesoramento especial.” O recente posto carece de denominación específica relacionada con Protección Civil, e a ACE-EU non lle consta o nomeamento en sustitución doutra persoa concreta a cargo deste departamento. “Este servizo, de vital importancia, debería ser dirixido por un técnico cualificado para un cometido de tal responsabilidade, polo que sería convinte que o Concello sacáse a praza a concurso público coa maior celeridade posible. Por outra parte, tamén nos chama a atención que puidera ser persoal eventual e de confianza o que estivese ao frente de Protección Civil, así como que unha mesma persoa puidese desempeñar tres cargos de denominación distinta en só catro anos”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Por outra banda, na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 24 de xuño deste ano, aprobouse o arrendamento sen opción a compra dun Mitsubishi Montero branco de 7 prazas que non foi rotulado para indicar a súa pertenza ao servizo de Protección de Civil do Concello de Lugo. ACE-EU preguntará por que motivo o Concello non o adquiriu en propiedade e como é posible que un vehículo destinado a un servizo municipal fique sen rotular, ademáis de cal é a partida económica destinada a Protección Civil nos orzamentos do presente exercicio.


O propio voluntariado de Protección Civil vén reclamando dende hai tempo a formación, cualificación e profesionalización dos seus integrantes, que consideran deficitaria, ante a pasividade do goberno local. De feito, o regulamento que rexe ao equipo de voluntariado en Lugo é de 1998, e nin sequera se pode acceder ao mesmo dende a páxina web. Nese sentido, ACE-EU inclúe ademáis preguntas para saber cantos voluntarios figuran actualmente e con qué periodicidade se actualiza o seu censo, e se existe persoal cualificado e coas titulacións necesarias para o emprego do material especializado co que conta o servizo, tales como desfibriladores, equipos de buceo ou lanchas Zodiac.

miércoles, 23 de septiembre de 2015

Fóra os drones militares do espazo aéreo de Lugo

ACE-EU REXISTRARÁ UNHA MOCIÓN CONTRA O EMPREGO DE DRONES MILITARES NO ESPAZO AÉREO DO CONCELLO DE LUGO

Ø  “ACE-EU pide ao goberno local que demande do Goberno do Estado e do galego a inmediata paralización das probas con drones militares en Rozas pola súa afectación ó Concello de Lugo e que solicite á Deputación Provincial de Lugo a retirada da sinatura do convenio de utilización do aeródromo por incumprimento dos fins establecidos para o emprego das instalacións, que lembremos que se asinou sendo Lara Méndez vicepresidenta da institución”, explicou o concelleiro Portomeñe.
Ø   O deputado de AGE Ramón Vázquez apuntou que “o feito de que o espazo aéreo do Concello de Lugo sexa sobrevoado por drones militares como o que se está a probar en Rozas agora mesmo, o Searcher MKII, un modelo de fabricación israelí empregado contra a poboación palestina na franxa de Gaza ou polo propio Exército Español no conflito bélico de Afganistán, compromete a seguridade dos lucenses e dos habitantes doutros concellos limítrofes, pois as bases de avións militares non tripulados son instalacións dun grande valor tecnolóxico, militar e estratéxico, o que as converte en destacados obxectivos militares e terroristas”.

Carlos Portomeñe e Ramón Vázquez en rolda de prensa

Lugo, 22 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida anunciou esta mañá en rolda de prensa, na que compareceron o deputado de AGE Ramón Vázquez Díaz e o voceiro de ACE-EU Carlos Portomeñe, que presentará unha moción para que o Concello demande explicacións ao Goberno da Xunta de Galicia sobre o tipo de probas realizadas no aeródromo de Rozas, ante a evidencia do emprego do espazo aéreo do Concello de Lugo para o voo de drones militares, ao estar incluído o noso término municipal no listado de servidumes aeronáuticas de dito aeródromo. Na súa moción, “ACE-EU pide ao goberno local que demande do Goberno do Estado e do galego a inmediata paralización das probas con drones militares pola súa afectación ó Concello de Lugo e que solicite á Deputación Provincial de Lugo a retirada da sinatura do convenio de utilización do aeródromo de Rozas por incumprimento dos fins establecidos para o emprego das instalacións, que lembremos que se asinou sendo Lara Méndez vicepresidenta da institución”, explicou o concelleiroPortomeñe.

Nese sentido, o voceiro de ACE-EU salientou que a Xunta mentiu dúas veces á cidadanía. Unha, ao negar o presidente Feijóo calquera vencello coa industria militar co aeródromo de Rozas cando anunciou no propio parlamento un investimento de 10 millóns para adaptar as instalacións e convertelas nunha base para drones de carácter civil, ao que se engaden os 45 millóns de euros anunciados con posterioridade adicados á captación de socios comerciais que participen no desenvolvemento de programas con avións non tripulados. A outra mentira foi a de dicir que este investimento crearía emprego na comarca, cando tanto o Ministerio de Defensa como as empresas participantes nos voos experimentais con drones desprazan o seu propio persoal técnico e auxiliar ata Rozas, polo que non é posible crear novos postos de traballo na zona. De feito, nas recentes probas realizadas co dron militar israelí, o exército desprazou 40 efectivos responsables da realización das mesmas.

Pola súa parte, o parlamentario Ramón Vázquez apuntou que “o feito de que o espazo aéreo do Concello de Lugo sexa sobrevoado por drones militares como o que se está a probar en Rozas agora mesmo, o Searcher MKII, un modelo de fabricación israelí empregado contra a poboación palestina na franxa de Gaza ou polo propio Exército Español no conflito bélico de Afganistán, compromete a seguridade dos lucenses e dos habitantes doutros concellos limítrofes, pois as bases de avións militares non tripulados son instalacións dun grande valor tecnolóxico, militar e estratéxico, o que as converte en destacados obxectivos militares e terroristas”. O deputado de AGE remarcou que “o establecemento dunha base para a experimentación e desenvolvemento de drones no aeródromo de Rozas, debe ser motivo de profunda preocupación para a poboación de toda a Provincia de Lugo, e máis tendo en conta cada un dos acontecementos que se van coñecendo, que confirman os usos militares do mesmo, a contagotas e con grande escurantismo por parte das institucións implicadas”.

O drone Searcher MKII forma parte das catro unidades mercadas polo Exército Español a Israel, un dos principias países exportadores de drons do planeta, que acapara o 60% das vendas. Os drones israelís causaron 2.400 vítimas civís na invasión do ano 2014 en Palestina, dos que 500 eran nenos. “Mesmo trascendeu aos medios que foron utilizados drones israelíes na guerra en Siria, esa mesma que agora provocou a enorme crise humanitaria en Europa pola fuxida masiva da poboación. Os drones militares que permitimos que se proben aquí son os que provocan alí o sufrimento dos refuxiados que queremos acoller. É dun cinismo absoluto mostrar solidariedade cos refuxiados e a un tempo ser cómplice directo da traxedia que están a vivir”, quixo destacar Portomeñe.

ACE-EU tamén propón na súa moción que o goberno local esixa explicacións e clarificacións ao Goberno de Galicia sobre o tipo de probas realizadas no aeródromo de Rozas e dentro das servidumes aeronáuticas do Concello de Lugo, e que solicite directamente ao Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeronáutica (INTA) copia de todas as certificacións necesarias en materia de seguridade para o emprego de drones no espazo aéreo de Lugo, incluíndo as correspondentes da Axencia Estatal de Seguridade Aérea e da Axencia Europea de Seguridade Aérea, como a solicitude de cambio de usos do aeródromo, o rexistro de xestión de riscos para as probas realizadas ata o momento con este tipo de aparellos.

A figura do cronista oficial é innecesaria e de reminiscencias franquistas

O INFORME DO CONCELLO ELABORADO A PETICIÓN DE ACE-EU CONFIRMA A FALTA DE TRADICIÓN HISTÓRICA REAL DA FIGURA DO CRONISTA OFICIAL EN LUGO

Ø  Segundo o informe elaborado polos técnicos de Cultura, dado a coñecer durante a Xunta de Voceiros celebrada esta mañá, o único cronista oficial que tivo Lugo foi José Trapero Pardo, nomeado para o cargo durante o réxime franquista, e sen relevo dende hai 20 anos. 

Ø  “Este informe reafirma a nosa postura de que non existe unha necesidade social de recuperar esta figura obsoleta, xa que as funcións que se lle atribúen son as de defender os valores culturais de Lugo e promover a investigación e asesorar ás autoridades sobre eles, tarefas todas cubertas de sobra polos traballadores da Área de Goberno de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua”, asegura Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Ø  Das grandes cidades de Galicia, só Vigo e A Coruña conservan este cargo, mentres que Santiago, Ferrol e Ourense non o manteñen, ao igual que Lugo.

Lugo, 21 de setembro de 2015. –Esta mañá na Xunta de Voceiros deuse a coñecer o resultado do informe elaborado a petición de Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida sobre os antecedentes históricos da figura do cronista oficial en Lugo, e sobre as características e competencias básicas que lle corresponden. Para ACE-EU, o documento vén a confirmar a falta de tradición histórica real da figura do cronista oficial en Lugo, xa que o único que existiu en Lugo foi José Trapero Pardo, nomeado para o cargo durante o réxime franquista, e nunca foi sustituído tralo seu falecemento en 1995. 

“Reafirmase a nosa postura de que non existe unha necesidade social de recuperar esta figura obsoleta, xa que as únicas funcións que se lle atribúen ao cronista, segundo o informe, son as de defender os valores culturais de Lugo e promover a investigación e asesorar ás autoridades sobre eles, tarefas todas cubertas de sobra polos traballadores da Área de Goberno de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua”, asegura Carlos Portomeñe, voceiro deACE-EU“Non só contamos con importantes departamentos de Cultura no Concello e na Deputación, temos o Arquivo Histórico Provincial e o labor de diferentes historiadores/as, bibliotecarios e arquiveiros na cidade, ademais do papel divulgativo que xogan as novas tecnoloxías, polo que un cronista oficial ten aínda menos sentido na sociedade da información”.

O concelleiro de ACE-EU insiste en que no actual contexto de emerxencia social existen outras prioridades no municipio antes que "o nomeamento dunha figura do pasado que non aporta nada novo ó presente e que mesmo nos retrotrae ao franquismo". De feito, das grandes cidades de Galicia, só Vigo e A Coruña conservan este cargo, mentres que Santiago, Ferrol e Ourense non o manteñen, ao igual que Lugo.

ACE-EU solicita que Grandío compareza no pleno para explicar as súas funcións como conselleiro do C.D. Lugo

ACE-EU PIDE A COMPARECENCIA DE DÍAZ GRANDÍO NO PLENO PARA DAR CONTA DO SEU PAPEL COMO CONSELLEIRO DO C.D. LUGO

Ø  A principal pregunta que ACE quere que Díaz Grandío responda ante toda a corporación municipal é, se como conselleiro do C.D. Lugo, era coñecedor da contabilidade presentada ante a LFP na que aparece documentada unha débeda existente no clube de máis de 1.600.000 €, así como a razón pola que non se cumpriu a devolución antes do 31 de decembro de 2013 dos 600.000 € prestados polas arcas municipais para a conversión en S.A.D., tal como se acordara no convenio asinado entre o Concello e o clube de fútbol.

Ø  “Os 600.000 euros aportados polo Concello ao C.D. Lugo é unha cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas a urxencias sociais. Tendo en conta que en Lugo seguen a existir 17.000 persoas en risco de exclusión, o mínimo que podemos pedir é explicacións de como se gastaron eses cartos ante as sospeitas de que puidesen ser utilizados en tapar un furado contable agachado á cidadanía, e que se dirima a responsabilidade dos representantes institucionais no Consello de Admón.” apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE.

Lugo, 21 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida vén de solicitar a comparecencia no pleno do vindeiro xoves do Tenente de Alcalde Delegado da Área de Goberno de Medio Rural, Infraestruturas e Deportes, José Manuel Díaz Grandío, para dar conta das súas funcións desempeñadas como conselleiro do C.D. Lugo, ante a alarma social creada polas novas informacións acerca das irregularidades nas contas da Sociedade Anónima Deportiva, en cuio balance económico presentado ante a Liga de Fútbol Profesional se indicaba que o clube tiña a día 30 de xuño de 2013 unha débeda de 1.600.000 euros que nunca foi recoñecida públicamente. O convenio do Concello de Lugo co clube é do 28 de maio de 2013, un mes antes da data do balance no que se recolle a débeda, e unha semana antes, o sábado 22  de xuño de 2013, ten lugar a asemblea constituínte da S.A.D. coa presenza de máis de 330 accionistas e na que se aproba a entrada dos tres representantes da Deputación de Lugo e dos dous do Concello no Consello de Administración. Por iso, a principal pregunta que ACE-EU quere que Díaz Grandío responda ante toda a corporación municipal é, se como conselleiro que xa era do C.D. Lugo, era coñecedor da contabilidade presentada polo Lugo ante a LFP na que aparece documentada a débeda existente, así como a razón pola que non se cumpriu a devolución antes do 31 de decembro de 2013 dos 600.000 € prestados polas arcas municipais para a conversión en S.A.D., tal como se acordara no convenio asinado entre o Concello e o clube de fútbol.

“Estamos ante uns feitos de suma gravidade. Os 600.000 euros aportados polo Concello ao C.D. Lugo é unha cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas a urxencias sociais. Tendo en conta que en Lugo seguen a existir 17.000 persoas en risco de exclusión, o mínimo que podemos pedir é explicacións de como se gastaron eses cartos ante as sospeitas de que puidesen ser utilizados en tapar un furado contable agachado á cidadanía, e que se dirima a responsabilidade dos representantes institucionais no Consello de Admón.” apunta Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. “Nun momento en que a Lei actual impide ao Concello a contratación con empresas que teñen débedas, e que mesmo unha das casetas de polbo do San Froilán quedou baleira por este motivo, o feito de que se investisen cartos públicos nunha entidade cunha enorme cifra de débeda oculta faise máis sangrante. Os lucenses merecen explicacións, especialmente os socios do C.D. Lugo”.


ACE-EU xa rexistrara a semana pasada unha batería de preguntas para ser respondidas por escrito por Díaz Grandío, ás que debe responder nun prazo de quince días prorrogable ate vinte días máis se así o solicitase o destinatario, segundo o Regulamento Orgánico Municipal. Por esta razón, ante a urxencia dun asunto que non pode demorarse máis dun mes en ser respondido, e á luz dos novos datos publicados na prensa, Alternativa Cidadá de Esquerdas optou pola solicitude de comparecencia plenaria. Entre as anteriores preguntas rexistradas, están se os representantes do Concello percibiron algunha retribución, directa ou indirecta pola súa labor de conselleiros do C.D. Lugo; se asistían regularmente ás xuntanzas do Consello de Administración e se estudiaban as ordes do día e a as actas das mesmas; así como se tiñan constancia de presuntos pagos para a devolución de créditos, de contratos blindados a membros do equipo técnico ou da facturación de sociedades pertencentes a directivos e técnicos. 

lunes, 21 de septiembre de 2015

Cen días sen proxecto político

“A ALCALDESA NON QUERÍA ESTE CARGO, FOILLE IMPOSTO, AO IGUAL QUE A OUTROS INTEGRANTES DO SEU EQUIPO, E ISO NÓTASE NO SEU XEITO DE GOBERNAR”

Ø  Para o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, Carlos Portomeñe, o novo equipo de goberno “manéxase coma se tivese maioría absoluta, cousa que non é de estrañar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis. De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.  
Ø  A alcaldesa presume de “diálogo fluído” cando nos temas cruciais para a cidade prefire o silencio sepulcral propio dos gobernos autoritarios, como ante a presunta malversación de nada menos que 600.000€ das arcas municipais na conversión en S.A.D. do C.D. Lugo.  
Ø  A percepción de ACE é que nos atopamos diante dunha das corporacións máis conservadoras da democracia, non só por parte do goberno, senón tamén da oposición, pois a maioría dos grupos só presentan propostas conxunturais que non transforman o modelo de cidade.

Lugo, 20 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas lamenta que tras cen días de goberno, a sensación principal que transmite o novo equipo do PSOE encabezado por Lara Méndez é a falta dun proxecto político propio que rexa as decisións tomadas. “A improvisación e a desgana ocupan o lugar da xestión e a ideoloxía neste Concello. A alcaldesa non quería este cargo, foille imposto, ao igual que a outros integrantes do seu equipo, e iso nótase no seu xeito de gobernar”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE. “A única decisión de calado tomada en cen días foi a suspensión temporal do servizo da ORA, e non é máis que o cumprimento tardío do mandato dunha sentenza xudicial”.

O concelleiro de ACE está decepcionado ante o xiro radical que deu Méndez tralo seu conciliador discurso de investidura, no que colocaba o pacto e o diálogo como principais características do que ía ser o seu estilo de goberno. Sen embargo, “manéxanse coma se tivesen maioría absoluta, cousa que non é de estrañar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis”, sinala Portomeñe. “De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.

Son moitos os exemplos que denotan a falta dese “diálogo fluído” do que a alcaldesa insiste en presumir, mentindo abertamente á cidadanía. Un dos máis evidentes foi a programación das festas de San Froilán, sobre a que a oposición foi informada a posteriori e sen nin sequera exercer potestade de opinión sobre os grupos musicais, cando ata pode exercela un parente directo da concelleira de Cultura. “Nos temas realmente cruciais para a cidade Méndez prefire o silencio sepulcral ao diálogo. Só un goberno autoritario pode permitirse eludir explicacións ante unha presunta malversación de fondos públicos coma a da conversión en S.A.D. do C.D. Lugo. Nada menos que 600.000 € das arcas municipais poden ter sido destinados a unha débeda privada, cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas polo Concello a temas de urxencia social”, recalca o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas.


A percepción de ACE é que nos atopamos diante dunha das corporacións máis conservadoras da democracia, non só por parte do goberno, senón tamén da oposición. Nese sentido, para o grupo municipal é positivo que haxa novas propostas, pero estas deben responder a principios políticos. O Concello de Lugo necesita un cambio estrutural, e as propostas que a maioría dos grupos están a poñer enriba da mesa atenden case sempre simplemente a cambios conxunturais, que non transforman o modelo de cidade. "Dá a impresión de que as propostas se venden ao peso. Sobran ideas, pero falta vontade política. Está claro que en cousas como a reparación de baches ou a sinalización horizontal imos estar todos de acordo, pero temos a obriga de abordar os asuntos centrais que realmente poderán cambiar o noso modelo de cidade: a fiscalidade (deben pagar máis os que máis teñen); a economía e a xestión dos servizos (para reverter a situación das 17.000 persoas en risco de exclusión social e ofrecer servizos públicos universais e de calidade), o urbanismo (para que responda ás necesidades dos lucenses e non aos intereses das empresas construtoras), a participación cidadá (para acadar a radicalidade democrática), e as políticas de igualdade (para erradicar o machismo da nosa sociedade e a cada vez máis alarmante violencia contra a muller)”, conclúe Portomeñe