Mostrando entradas con la etiqueta MUNICIPAL. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta MUNICIPAL. Mostrar todas las entradas

lunes, 11 de mayo de 2015



   Nas eleccións municipais 2015 do vindeiro 24 de maio, Esquerda Unida Lugo participa dentro na candidatura cidadá ALTERNATIVA CIDADÁ DE ESQUERDAS. 

    Podes seguir a campaña de ACE e baixar o programa electoral nos seguintes enlaces:



miércoles, 25 de marzo de 2015

Auga 100% pública



EU DEFENDE A REMUNICIPALIZACIÓN DO CICLO COMPLETO DA AUGA
Portomeñe sinala que PSOE, PP e BNG xeneran confusión na súas propias filas pola falla de coherencia con respecto ao modelo de xestión 

Para EU, o mellor xeito de millorar o servizo de augas é garantir o seu carácter 100% público. Defendemos unha xestión sustentable, social e participativa do servizo de auga e o saneamento porque a auga é un ben público fundamental, non un negocio. 

Carlos Portomeñe sinala que o sucedido onte na Comisión técnico-política para abordar o modelo de xestión do ciclo completo da auga, "reflicte o teatro de máscaras no que se ten convertido a Corporación municipal". Na devandita Comisión, PSOE, PP e BNG modificaron as respectivas posturas mantidas ao longo da actual lexislatura. Por elo, Portomeñe afirmou que "os concelleiros e concelleiras do PSOE, PP e BNG padecen un trastorno de personalidade que mesmo lles leva a confundir o partido no que militan", ademais de xenerar tal confusión nas súas filas que "os seus militantes descoñecen a día de hoxe a posición real dos seus dirixentes con respecto á xestión da auga". 

Portomeñe lembrou que a lexislatura se iniciou cun acordo de goberno entre o PSOE e o BNG polo que privatizaban a xestión do ciclo completo da auga a través da creación dunha empresa mixta. O PP, que defendera sempre a privatización a través da concesión a unha empresa privada, modificou a súa postura despois da decisión de PSOE e BNG de crear a empresa mixta e, en contra dos seus principios neoliberais, defendeu entón a xestión directa.
Pero PSOE e BNG tiveron a obriga de renunciar á privatización por esixencias legais, dado que a lei non permitía o nivel de endebedamento que requería a nova empresa. A súa intención continuaba a ser a empresa mixta, á que deberon renunciar por esixencias legais e non por vontade política.

Agora finaliza a lexislatura co PSOE e BNG dicindo defender a xestión directa e desmentindo cinicamente o seu acordo de goberno en 2011. E o PP decide a abstención na comisión técnica porque quedan descolocados e intentan distanciarse da nova posición de PSOE e BNG. "Os tres amosan unha falla clamorosa de coherencia", sinalou Portomeñe.

Para máis confusión, PSOE e BNG ocultan a verdade cando din defender a xestión directa, porque elixiron un modelo de xestión indirecta, tal e como establece no seu artigo 277 d) o Texto Refundido da Lei de Contratos do Sector Público. Os dous partidos están a falar dun modelo que contempla a explotación privada, como mínimo, das plantas depuradora e potabilizadora, e xa que logo, un modelo de xestión que non é directo. De feito, os representantes municipais falan literalmente de "recuperar para a xestión pública unha parte do ciclo da auga".

Seguimos apostando pola remunicipalización do ciclo da auga porque garante un servizo máis económico, de máis calidade e con emprego fixo e estable, como así recoñecen os propios informes municipais.

viernes, 20 de marzo de 2015

ESQUERDA UNIDA DECIDE INTEGRARSE EN ALTERNATIVA CIDADÁ DE ESQUERDAS PARA CONFORMAR UNHA CANDIDATURA DE UNIDADE POPULAR EN LUGO



A asemblea local de EU-Lugo celebrada onte, aprobou por unanimidade sumarse e traballar con Alternativa Cidadá de Esquerdas para concorrer ás vindeiras eleccións municipais.

A asemblea local de Esquerda Unida Lugo celebrada onte á noite, someteu a consideración da súa afiliación e militancia a posibilidade de incorporarse ao traballo dalgunha das dúas plataformas constituídas para presentarse ás vindeiras eleccións municipais.

Esta asemblea comarcal de Esquerda Unida, veu precedida dunha xuntanza mantida o pasado mércores, entre os representantes e voceiros de Alternativa Cidadá e membros do Consello Local de EU-Lugo, na que se valorou positivamente a coincidencia programática do documento elaborado por ACE "70 bases programáticas para un goberno de unidade popular" como premisa sobre a que traballar para configurar unha candidatura cidadá rupturista e sólida para o Concello de Lugo.


 Os asistentes a asemblea valoraron a necesidade de impulsar unha candidatura de unidade popular que aglutine as forzas da esquerda rupturista da cidade que por outra banda, levan tempo loitando contra un réxime podre que goberna contra os intereses da maioría social do noso Concello.




Coincidiuse tamén en que dificilmente aqueles que formaron parte do Concello e das institucións durante os últimos anos, poden protagonizar a imprescindible rexeneración democrática que precisa a nosa cidade.

martes, 10 de marzo de 2015

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA VISITOU HOXE OS XULGADOS DE LUGO PARA AVALIAR AS CARENCIAS E NECESIDADES DE RECURSOS HUMANOS E MATERIAIS



 A Vicevoceira de AGE, Yolanda Diaz e o deputado Ramón Vázquez, mantiveron hoxe unha xuntanza de traballo coa Xunta de Persoal de Xustiza de Lugo, para analizar a situación dos xulgados da cidade e avaliar as súas carencias de recursos materiais e humanos.





  Entre as principais demandas dos representantes dos traballadores da administración de xustiza constatouse a necesidade de crear un novo xulgado de instrucción, dotar de persoal de reforzo aos xulgados existentes,  mellorar a compatibilidade dos diferentes sistemas informáticos, contar con persoal especialista para a xestión e mantemento dos arquivos etc.



Para os representantes de AGE, resulta indecente que se este a provocar unha situación de colapso dos xulgados lucenses como a actual, impedindo o acceso o dereito a xusticia á cidadanía e bloqueando a investigación de importantes casos de corrupción cuxas causas se ven obstruidas.



  Alternativa Galega de Esquerda rexistrará no Parlamento de Galicia diversas iniciativas dirixidas a facer que o Goberno Galego cumpra coas súas obrigas e dote dos medios necesarios para garantir o funcionamento do noso sistema xudicial.









martes, 24 de febrero de 2015

Xulgado de Instrución nº1



EU DENUNCIA O ESTRANGULAMENTO POLÍTICO DO XULGADO DE INSTRUCIÓN Nº1 DE LUGO
Impulsou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para garantir os medios necesarios para o seu funcionamento




A corrupción é un tema de especial sensibilidade social na cidade de Lugo. En 2011 máis de mil lucenses saíron á rúa co lema "Contra a corrupción, en defensa da Xustiza", convocados pola Plataforma contra a Corrupción da que forma parte EU Lugo. E se os xulgados lucenses teñen amosado a súa acción decidida para erradicar as prácticas corruptas na nosa cidade, o xulgado de instrución nº1 acadou especial sona en Galicia por levar causas de relevancia social con implicación delictiva de numerosos empresarios, cargos políticos e altos funcionarios, especialmente nas coñecidas operacións Pokémon e Carioca.

Nos últimos meses, o xulgado de instrución número 1 perdeu, sucesivamente, o Xuíz de reforzo que tiña adscrito, a secretaria titular e máis recentemente dúas funcionarias dependentes da Xunta de Galicia.

Para EU resulta unha evidencia que axilizar as causas xudiciais e combater a corrupción investigada polos xulgados lucenses require contar con máis medios. Por contra, segundo denuncia o responsable de política local de EU, Carlos Portomeñe, o PP a través da Xunta de Galicia "somete ao Xulgado nº1 a un estrangulamento premeditado e alevoso para matar por asfixia as operacións en marcha", sempre "cunha finalidade estrictamente política".

Unha obstrución da que sae beneficiado o propio bipartidismo, sinala Portomeñe, "cuxo obxectivo é unha lei de punto final non escrita". Nas causas abertas no Xulgado nº1 existen decenas de imputados por corrupción pertencentes ó PP e ó PSOE. No caso da operación Pokémon, ós alcaldes e concelleiros populares imputados en varios concellos galegos hai que sumar en Lugo a imputación do actual alcalde da cidade, López Orozco, e da súa man dereita no Concello desde 1999, Fernández Liñares. Pero o xulgado nº1 tamén desenvolve a chamada operación Galeón, na que se investiga a Gómez Besteiro, Presidente da Deputación de Lugo, como responsable da urbanización en O Garañón (no Parque Rosalía de Castro), e na que están imputados altos funcionarios do Concello de Lugo.

EU destaca que o PP presenta plans contra a corrupción de xeito propagandístico, mentras pola vía dos feitos obstrúe o labor da xustiza recortando os recursos humanos e materiais.

Neste sentido, o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e coordinador comarcal de EU Lugo, Ramón Vázquez, anunciou a presentación dunha iniciativa rexistrada hoxe no Parlamento de Galicia para evitar o desmantelamento do xulgado de instrución 1 de Lugo. A devandita iniciativa, presentada pola portavoz parlamentaria e cordinadora nacional de EU, Yolanda Díaz, e Ramón Vázquez, insta ó Goberno Galego a:

1.- Dirixirse ao Consello Xeral do Poder Xudicial a fin de nomear novamente un xuíz de reforzo para o xulgado nº1 de Lugo.

2.- Que cando esto suceda se complemente cun cadro de persoal equivalente a un xulgado de número, é dicir, tres xestores, tres tramitadores e un auxilio xudicial.

3.- Que en tanto non suceda, se repoña de inmediato a situación anterior, dirixíndose á Comisión Mixta e á Dirección Xeral a fin de que revogue a resolución de cese.

lunes, 23 de febrero de 2015

ESQUERDA UNIDA CONSIDERA INACEPTABLE O EMPREGO DE PUBLICIDADE INSTITUCIONAL E INSTALACIÓNS PÚBLICAS PARA O INICIO DA CAMPAÑA DO SEÑOR OROZCO

O Coordinador Comarcal de Esquerda Unida, Ramón Vázquez e o Candidato de EU, Carlos Portomeñe, fixeron hoxe declaracións para denunciar o emprego de recursos e instalacións públicas no inicio de campaña do candidato á alcaldía, López Orozco.



Para Ramón Vázquez “resulta absolutamente inadmisible que os veciños e veciñas paguen sendos anuncios a toda páxina na prensa escrita de hoxe, con anuncios sobre un programa de emprego e outro de ocio e formación, o mesmo día que o actual alcalde fai a presentación pública da súa candidatura”. O coordinador comarcal afirmou ademais que “imos demandar, a través dunha moción, que se faga público o custe dos anuncios publicados e esixir que o señor Orozco se pague a campaña cos recursos do seu partido e non co diñeiro da cidadanía”

Pola súa banda o candidato de EU para as vindeiras eleccións municipais, Carlos Portomeñe., fixo unha valoración da presentación oficial da candidatura de López Orozco realizada hoxe. En verbas de Portomeñe “resulta todo un símbolo da candidatura de Orozco que se tivera presentado no MIHL, unha construción faraónica de mais de 10 millóns de euros, que ten 25 visitantes diarios segundo os datos oficiais, que sofre inundacións e precisa bombas de achique”. Portomeñe afirmou que “EU quere saber se o resto das organización políticas da cidade, van ter a súa disposición as instalación culturais do concello para actos políticos e criticou a dificultade que teñen as organizacións sociais e as asociación culturais para contar con salas e instalacións, mentres o señor Alcalde se reserva un museo municipal para presentar a súa candidatura”.

O candidato de EU rematou afirmando que "o señor Orozco ten iniciado unha precampaña electoral ao mais puro estilo cacique, empregando a publicidade institucional no seu propio beneficio, facendo visitas ás obras e anunciando inauguracións como a realizada este mércores na Ponte de Paradai e poñendo a súa disposición as instalacións publicas” para rematar afirmando que “a maquinaria institucional e clientelar para a campaña electoral de Orozco xa está en marcha, pero non lle vai a servir para manterse no poder”.

martes, 10 de febrero de 2015

CD Lugo


EU VE INDICIOS DE PREVARICACIÓN NO PROCESO DE VENTA DE ACCIÓNS DO CD LUGO POR PARTE DA DEPUTACIÓN E O CONCELLO
Portomeñe esixe explicacións a Besteiro e Orozco sobre un suposto proxecto de cidade deportiva

 
EU considera que, tanto no proceso de compra de accións do CD Lugo por parte de Deputación e Concello como no proceso de venta, existen indicios suficientes como para falar dun presunto caso de prevaricación. "Todo o proceso está plagado de mentiras, irregularidades e chanchullos por parte do PSOE e do PP", sinalou Carlos Portomeñe, "desde o momento no que decidiron mercar as accións ata o momento da súa venda".

O CD Lugo viuse obrigado a suscribir un capital social de 3.031.490€ para converterse en S.A.D. en xuño de 2013 e así cumprir coa Lei do Deporte. Durante o proceso inicial de venta de accións, tanto a directiva do clube como a Deputación e o Concello manifestaron a súa pretendida aposta por favorecer aos pequenos accionistas e evitar que o clube pertencese a un único accionista maioritario. De feito, nos estatutos da sociedade enviados á CNMV reservouse o dereito a veto contra calqueira inversor que pretendese controlar a entidade. Ese foi o principal argumento esgrimido polo PSOE e o PP para xustificar a compra de accións pola Deputación e o Concello, das que adquiriron 900.000 € e 600.000 €, respectivamente. As dúas institucións financiaban novamente unha entidade deportiva privada con diñeiro público e entraban no seu consello de administración, a pesares de coincidir no tempo coa crise do CB Breogán e a polémica pola participación da Deputación como accionista maioritaria do clube de baloncesto.

O alcalde López Orozco e o clube afirmaron tamén que se crearía unha fundación como fórmula para devolver o diñeiro aportado polas institucións na compra de accións. Ademais, o convenio entre o Concello e a entidade aprobado en pleno aseguraba que os 600.000 € serían devoltos antes do 31 de decembro de 2013. Ningunha das opcións se materializou.

Un ano despois do acordo plenario, e coa presa das eleccións municipais de maio, Deputación e Concello decidiron desfacerse das 150.000 accións da súa propiedade nun suposto concurso previamente negociado. A venta realizouse a un so accionista que se converte en dono do clube ó xuntar o 58% das accións da entidade, despois dun proceso pragado de irregularidades e opacidade que incluíu o cambio de normas sobre a marcha, logo de ter declarado deserto o concurso por diferencias na forma de pago co empresario co que se pactara anteriormente a adxudicación. Resultado: en xuño de 2013 o clube pertencía á súa masa social; en febreiro de 2015 pertence a un empresario.

Portomeñe afirma que "primeiro debeu garantirse a participación dos socios/as na compra de accións que pertencían ás institucións públicas, porque en realidade eran propiedade de todos/as os/as lucenses". Para Portomeñe, a venta das accións encubre tres grandes mentiras á cidadanía: en primeiro lugar, " PSOE e PP aprobaron na Deputación e o Concello a adquisición das accións sabendo que o clube non devolvería os cartos no prazo estipulado". En segundo lugar, "non querían evitar a pertenencia do clube a un único propietario, porque estiveron negociando nesa liña e evitaron darlle opcións aos accionistas minoritarios". E por último, "non se van recuperar os cartos a curto prazo, porque se aceptou unha modalidade de pago fraccionado feita á medida dos empresarios que optaban á compra". 

Pero ademais, a compra vai acompañada dun suposto proxecto de cidade deportiva con sete campos de fútbol, unha zona de ocio e dúas piscinas. EU esixe que Besteiro e Orozco expliquen de inmediato en que consiste este proxecto, se contemplan a cesión de solo público e se pretenden financialo con diñeiro de todos/as os/as lucenses. Para Portomeñe, "estamos diante do típico proxecto especulativo anterior ó estoupido da burbuxa inmobiliariade, con Besteiro e Orozco ("os señores do ladrillo") de protagonistas, mais agora en plena crise económica e a tres meses das eleccións municipais".

miércoles, 4 de febrero de 2015

CARLOS PORTOMEÑE, ELEXIDO CANDIDATO DE EU Á ALCALDÍA DE LUGO


Rubén Pérez, Carlos Portomeñe e Ramón Vázquez

Carlos Portomeñe ofreceu hoxe unha rolda de prensa na que presentou a sua candidatura para as vindeiras eleccións mucipais ó Concello de Lugo, acompañado polo cordinador de esquerda Unida Lugo, Ramón Vázquez, e o secretario Nacional de Organización de EU de Galicia, Rubén Pérez.

O Secretario de Organización Rubén Pérez recalcou a importancia destas eleccións municipais para a construcción dun proceso constituínte en todas as vilas e cidades do país, dirixido a devolverlle as institucións á cidadanía e desenvolver políticas ao servizo da maioría social.

Pola súa banda, o cordinador comarcal Ramón Vázquez destacou que Portomeñe recolleu o número máximo de avais permitido neste proceso de primarias abertas, e que o censo contaba cun 26% de simpatizantes inscritos e rexistrados ata o 21 de xaneiro. Vázquez sinalou a necesidade de abrir un profundo proceso de cambio no Concello de Lugo, imprescindible para mudar a situación dun Concello golpeado polas políticas neoliberais dos diferentes gobernos municipais, sinaladamente o goberno de López Orozco que xa vai cumprir 16 anos. E para elo, sinalou a necesidade de acadar a unidade do espazo rupturista na nosa cidade en base a un programa transformador, subliñouando a candidatura de Carlos Portomeñe como como o candidato elexido nas primarias de EU para a converxencia, ademais de seren o máis axeitado pola súa experiencia e polo seu coñocemento dos problemas reais do municipio.

Portomeñe agradeceu, en primeiro lugar, aos seus compañeiros e compañeiras a súa elección como candidato. Lembrou a súa previsión na noite electoral de 2011 cando adiantou que, a raíz do xurdimento do 15-M en plena campaña, as eleccións locais eran un punto de inflexión onde xa nada sería igual e se aventuraban procesos de cambio profundos nos que a cidadanía ía reclamar cada vez máis o seu protagonismo fronte aos poderes fácticos.

Nese sentido reflexionou sobre a teoría política que establece que a consolidación democrática se produce cando chegan a gobernar as xeracións orixinadas propia democracia, e a contradicción coa realidade lucense, onde se perpetúan as élites políticas do post-franquismo.

Portomeñe analizou o importante espazo electoral do voto crítico e rupturista na cidade, que nas eleccións de autonómicas de 2012 superou o 15%, coa irrupción fundamental de AGE. Un voto que aumentou ao 20% nas eleccións europeas do pasado ano, cando se suma o apio das forzas fundamentais que constitúen este espazo. Xa que logo, Portomeñe chamou unidade e á configuración dunha iniciativa cidadá das organizacións, colectivos e persoas do espazo rupturista para configurar unha Syriza lucense con opcións reais de acadar a maioría electoral, lembrando o efecto multiplicador do que AGE foi un bo exemplo. Afirmou que EU Lugo leva anos traballando pola unidade en base á mobilización social, e meses invertidos para conquerir a unidade electoral para as vindeiras eleccións municipais de maio.

Portomeñe destacou a difícil situación que atravesa o concello de Lugo despois de décadas de gobernos do bipartidismo, e en concreto da necesidade de rematar co goberno megalómano (co MIHL como mellor exemplo), corrupto e antidemocrático de Orozco, a quen responsabilizou directamente dos efectos nefastos da crise económica na nosa cidade pola súa complicidade cos poderes económicos. Unha política moi visible na política do "ladrillo" e na privatización de servizos públicos. Por iso, ironizou parafraseando un eslogan anterior do alcalde, "Orozco está tan tolo de amor por Lugo que non é descartable un idilio de amor con Xaime Castiñeira (PP)" para garantir que o bipartidismo e as élites locais non perden o goberno municipal.

O candidato de EU aludiu á necesidade perentoria dun programa transformador e de esquerda para a cidade, porque "a este Concello non se lle poden poñer parches: é necesario un cambio rupturista e radicalmente democrático con base na unidade popular". Nese sentido, Portomeñe sinalou que foi elexido como candidato de EU para a unidade, e que está disposto e participar en procesos electivos abertos como un candidato máis, sempre que exista unha base programática asumida pola súa organización.




Carlos Anxo Portomeñe Pérez naceu en Lugo o 11 de decembro de 1968. É membro da Executiva nacional de Esquerda Unida, na que desempeña o cargo de Secretario de Política Institucional, do Consello Político Federal de IU e da Permanente federal do PCE. Forma parte das Comisións Coordinadoras de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e de AGE en Europa, e participa no grupo parlamentario de AGE. Colabora na Comisión de Internacional de IU e no grupo de Oriente Medio do Partido da Esquerda Europea (PIE).
Activista destacado e decidido na loita contra a corrupción, contra os recortes sociais e na defensa dos dereitos dos/as traballadores/as, foi precursor do Movemento antiglobalización e desde hai anos membro activo do Movemento pola paz e contra as guerras, entre outros.
Artesán e escultor de profesión, estudiou Ciencias Políticas. Ademais de colaborador habitual do xornal Mundo Obrero e responsable político da revista de pensamento marxista Nuestra Bandera, tamén ten publicado como ensaísta, poeta, narrador e especialista en memoria democrática.

martes, 13 de enero de 2015

ESQUERDA UNIDA DEFENDE A CONSTITUCIÓN DUNHA FRONTE CIDADÁ AMPLA PARTINDO DUNS PRINCIPIOS PROGRAMÁTICOS BÁSICOS.

EU-LUGO PRESENTOU HOXE 12 MEDIDAS URXENTES PARA TRANSFORMAR O CONCELLO.

Os representantes de Esquerda Unida Lugo Ramón Vázquez e Carlos Portomeñe ofreceron hoxe unha rolda de prensa para informar sobre o posicionamento de EU de cara ás vindeiras eleccións municipais, analizando a coxuntura política na cidade, a converxencia política, o proceso interno de primarias abertas e o programa electoral, entre outros.



O coordinador comarcal Ramón Vázquez, sinalou que as vindeiras eleccións municipais non son unha convocatoria mais, senón que constitúen unha oportunidade histórica para derrubar o réxime corrupto sostido polo bipartidismo. “Un réxime corrupto que na nosa cidade ten unha clara manifestación no Goberno Local, caracterizado pola especulación urbanística, a privatización dos servizos públicos municipais e a entrega de subvencións e axudas públicas a empresas, colectivos e persoas afíns”. Ramón Vázquez afirmou que a “corporación municipal leva 15 anos facendo política para ás empresas afíns e non para a maioría social do Concello”

O coordinador comarcal afirmou que “ningunha organización pode pretender por si soa transformar radicalmente a nosa cidade, polo que cómpre aglutinar todas as forzas dispoñibles e dispostas a rachar democraticamente cun sistema que está a arrasar cos dereitos básicos da cidadanía” e recordou que “o nacemento de Alternativa Galega de Esquerda é un precedente claro da necesidade de sumar forzas para acabar coas políticas antisociais que sofre a maioría social do noso pais”.

Diante desta situación Ramón Vázquez considerou que “a unidade, a xenerosidade e a responsabilidade, deben ser os cimentos dos procesos de construción das plataformas cívicas e das dinámicas de converxencia, pero é necesario partir duns principios programáticos básicos que doten de contido político ás diferentes propostas. Non se pode falar dende o baleiro ideolóxico ou con fins puramente electoralistas. A cidadanía estase a xogar o seu futuro dende o concreto” engadiu.

Pola súa banda o responsable de política local de EU-Lugo, Carlos Portomeñe, lembrou que “Esquerda Unida naceu no seu día como un movemento político social de unidade na loita contra a entrada na OTAN e esa vocación de unidade na loita da esquerda é o noso principal sinal de identidade”. Portomeñe engadiu que a “unidade non pode darse a costa de renunciar a un programa claro de esquerdas que poña por diante das siglas, as necesidades da maioría social”. O responsable de política local recordou que “Esquerda Unida leva anos denunciando a corrupción en Lugo, reclamando a remunicipalización de servizos, facendo propostas dende fora da institución municipal, e ese é o noso aval coa cidadanía”

Carlos Portomeñe afirmou ademais que “para transformar o Concello de Lugo non abonda con cambiar ao Goberno, nin tampouco con sacar a Orozco das institucións, senón que require da implicación, o compromiso e a participación de toda a cidadanía critica do noso concello nun novo proxecto de cidade radicalmente distinto”. Por iso o responsable de política local aclarou que “Esquerda Unida non se vai a sentar nunha mesa camilla para facer sopas de letras. É necesario facer política con maiúsculas partindo de contidos e desexos comúns que nos vinculen como cidadáns” e fixo referencia a famosa frase de Anguita de “programa, programa, programa”.

Finalmente Portomeñe pasou a explicar as 12 medidas urxentes para transformar o Concello de Lugo, deixando claro que se trata dunha proposta de mínimos programáticos para a confluencia, aberta a debate e achegas, que pasarán a formar parte do programa aberto municipal ampliado que Esquerda Unida está en proceso de elaboración en contacto co tecido asociativo da cidade, coas organizacións sindicais e veciñais e cos movementos sociais.

Os representantes de Esquerda Unida concluíron anunciando o inicio do proceso de primarias abertas no que militantes e simpatizantes poden participar para elixir ou ser elixidos como candidato ás vindeiras eleccións municipais, dentro dos procesos de converxencia por concretarse na nosa cidade.

A recollida de avais dos candidatos comeza o 21 de xaneiro e remata o 30 de xaneiro, a campaña de primarias irá dende o 31 de xaneiro ata o 14 de febreiro e a votación será os días 14 e 15 de febreiro.

12 MEDIDAS URXENTES PARA LUGO
1.Auditoría cidadá das contas do municipio
2.Remunicipalización dos servizos privatizados.
3. Novo regulamento de participación cidadá baseado na radicalidade democrática.
4.Orzamentos pariticipativos na xestación, xestión e no control.
5. Tolerancia cero cos corruptos e os corruptores. Entre outras, un salario do alcalde e dos concelleiros nunca superior a tres veces o SMI
6. Plan especial e urxente para combater a pobreza e a exclusión social infantil.
7. Fiscalidade progresiva e xusta para aumentar os recursos municipais, garantir os servizos públicos e permitir que os que paguen mais os que mais teñen.
8. Servizos Sociais Públicos, universais e descentralizados.
9. Derrubo dos edificios ilegais do Parque Rosalía de Castro na zona coñecida como o Garañón.
10. Comisión de investigación municipal aberta á cidadanía sobre o PXOM e anulación como mínimo, da porcentaxe ilegal pendente de aprobación.
11. Novo PEPRI (Plan de Especial Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado de Lugo e a súa zona de influencia).
12. Obxectivo de “ EMPREGO PRECARIO 0 NO PÚBLICO”

miércoles, 17 de diciembre de 2014

ESQUERDA UNIDA-LUGO ESIXE AO CONCELLO O ESTABLECEMENTO DUN “PROGRAMA CONCILIA NADAL” PARA AS FAMILIAS LUCENSES.

A actividade “Aulas abertas” no Nadal, cuxo prazo de inscripción remata hoxe, non alcanza nin ó 1% dos rapaces a quen vai dirixido.

EU-Lugo esíxelle ao Goberno do Concello de Lugo, o establecemento dun “Programa Concilia Nadal” para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos fogares con menores a cargo durante os preto de 20 días que duran as vacacións escolares do nadal. Un período, o de Nadal, onde moitas familias nunha situación económica e laboral moi complicada, pasan serios apuros para coidar e atender ós seus fillos e fillas.

As 100 prazas ofrecidas nas “Aulas abertas” pola Concellería de Benestar, son absolutamente insuficientes para os 12.474 menores de 15 anos censados no concello de Lugo, polo que tan só alcanzarían o 0,5 % dos nenos e nenas a quen vai dirixido, en horario de 9.30 a 13.30.

Por outra banda, para Esquerda Unida, o programa de Nadal, previsto pola Concellería de Cultura, ten un marcado carácter festivo e non contempla a grave situación das familias lucenses, nun Concello no que 17.469 familias chegan con dificultade a fin de mes (segundo os datos oficiais do Instituto Galego de Estatística) e nunhas datas no que moitas familias teñen que asumir, nun período de incremento de gastos nos fogares como o Nadal, novos gastos de gardería ou de coidadores a domicilio durante o período non lectivo.

EU-Lugo demanda do Concello de Lugo o establecemento de obradoiros socioeducativos durante a xornada laboral que sexan abertos a todas as familias de Lugo, tendo especialmente en conta a situación económica das persoas solicitantes e aproveitando as instalacións educativas existentes no Concello.

Finalmente, EU critica o feito de que a metade dos eventos contemplados polo programa para o Nadal deseñado polo Goberno de Lugo, teña lugar en instalacións da Igrexa Catolica, dende igrexas, centros parroquiais a residencias de anciáns, o que resulta impropio dun modelo de xestión cultural público e que teña aspiracións de chegar a toda a cidadanía.


jueves, 11 de diciembre de 2014

CONFERENCIA POLÍTICA INTERCOMARCAL: "O DESAFIO MUNICIPALISTA CARA UNHA CREBA DEMOCRÁTICA"

Este sábado día 13 de decembro, ás 10 horas no restaurante Terra Chá  de Vilalba, terá lugar a 1ª Conferencia intercomarcal de Esquerda Unida da provincia de Lugo na que contaremos coa presencia de membros das agrupacións locais de Viveiro, Lugo, Vilalba e Monforte
Co título "O desafio municipalista cara unha creba democrática" contaremos con tres mesas de traballo na que entre outros intervirán:

Rubén Perez: Secretario de Organización de Eu-Galicia
Ramón Vázquez: Coordinador Comarcal de Eu Lugo e deputado de AGE.
Xabier Ron: Responsable de elaboración programática de Eu-Galicia e deputado de AGE.
Carlos Portomeñe: responsable de Política local de EU-Lugo
Amaro Carretero: responsable de Política Local de EU-Monforte
Modesto Renda: responsable de Politica Local de EU-Vilalba

As mesas de traballo e debate están abertas a toda a cidadanía polo que dende Esquerda Unida agardamos a túa presenza. Participa!!!






domingo, 30 de noviembre de 2014

ACTO SOLIDARIEDADE CON PALESTINA

ESTE MÉRCORES DÍA 3 DE DECEMBRO, O ACTIVISTA  POLOS DEREITOS
HUMÁNS  MANU PINEDA,  MEMBRO DA ASOCIACIÓN INTERNACIONAL UNADIKUM E ESCUDO HUMÁN EN GAZA, OFRECERÁ UNHA CHARLA NA 
COVA DA TERRA ÁS 20:00 HORAS.

DÍA: mércores 3 de decembro
HORA: 20:00
LUGAR: a cova da terra (rúa das noreas 12)




viernes, 19 de septiembre de 2014

ESQUERDA UNIDA LUGO CONSIDERA UN BOCHORNO PARA LUGO QUE OROZCO PRETENDA PERPETUARSE NA ALCALDÍA.

Dende EU agardamos unha lista á altura do señor Alcalde entre o seu contorno de imputados.

Para EU- Lugo, a intención de presentarse a reelección como Alcalde por parte do Señor Orozco, despois de 16 anos repletos de imputacións no Goberno Municipal e do desmantelamento dos servizos públicos mediante concesións a empresas tamén imputadas por diferentes delitos, supón un novo bochorno para unha cidade farta xa dos escándalos protagonizados polo actual rexedor.

Neste contexto, a intención de Orozco de perpetuarse durante 20 anos ao fronte do Consistorio, confirma que o Alcalde pon, como sempre, os seus intereses persoais por diante do servizo á cidadanía e a resolución dos importantes problemas da cidade, moitos deles creados pola súa nefasta xestión.

O feito de que Orozco logre impoñer a súa candidatura, pon ademais de manifesto unha absoluta falla de autoridade e responsabilidade do Presidente do PsdG, asi como o estado de absoluta descomposicíon do seu partido

Diante desta esperpéntica situación, a Esquerda Unida Lugo só lle queda recomendarlle o Señor Alcalde, que sitúe de número dous da lista o señor Liñares, a súa antiga man dereita, e complete a lista entre os numerosos imputados que o Grupo Socialista ten no Concello, para ter unha candidatura acorde coa súa figura.





domingo, 22 de junio de 2014

ESQUERDA UNIDA INSTA AO CONCELLO DE LUGO A QUE SOLICITE O PROGRAMA DE COMEDORES ESCOLARES NO VERÁN APROBADO POR UNANIMIDADE NO PARLAMENTO DE GALICIA.

 O pasado dia 11 de Xuño, o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade e a proposta do Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda, unha Proposición non de Lei na que se resolve que "O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a levar a cabo as medidas necesarias para evitar que ningún neno ou nena careza de alimentación ou sustento necesario por estar en situación de vulnerabilidade, poñéndose en marcha convenios cos concellos interesados, podéndose usar as instalacións dos centros educativos en colaboración cos servizos publicos de benestar" .

O curso escolar, nos seus niveis obrigatorios, remata o dia 20 de xuño e moitas familias do concello de Lugo, non saben como poder garantir unha axeitada alimentación para os seus fillos e fillas nos dous meses non lectivos, diante da grave situación socioeconómica pola que están a atravesar.

Segundo os últimos datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística, case a metade das familias do Concello de Lugo, o 47,38% do total, chegan a final de mes con dificultades. O risco de exclusión social afecta xa a 17.000 habitantes da cidade de Lugo. O 14 % das familias lucenses sofren importantes carencias materiais como non poder comer peixe ou carne cada dous días, non poder manter a casa a unha temperatura axeitada, non ter capacidade para facer fronte a gastos imprevistos, ten atrasos no pagamento de gastos relacionados coa vivenda principal (aluguer, hipoteca, electricidade, gas, comunidade...). Neste contexto son os nenos e as nenas da nosa cidade os que sofren as peores consecuencias desta situación.
UNICEF alertou de que o 20,1% dos nenos e nenas viven por debaixo do umbral da pobreza en Galicia, un dato que extrapolado a cidade de Lugo implicaria que mais de 2.000 menores vivan nesta situación.

Por todos estes motivos, Esquerda Unida Lugo presentou hoxe unha moción para que o Pleno do Concello de Lugo inste ao Goberno da Xunta de Galicia a poñer en marcha os mecanismos necesarios para ofrecer o servizo de comedor durante as vacacións nos centros educativos precisos no Concello de Lugo e dar así cumprimento ó acordo plenario unanime acadado no Parlamento de Galicia.







lunes, 2 de junio de 2014

ESQUERDA UNIDA LUGO ESIXE QUE A ABDICACIÓN DO REI ABRA UN PROCESO CONSTITUINTE CARA Ó RESTABLECEMENTO DA REPUBLICA.

EU-Lugo considera que a cidadanía non vai aturar un novo pacto para resucitar ó bipartidismo e á Coroa como piares dun rexime esgotado.

Esquerda Unida Lugo afirma que os últimos resultados electorais, onde o bipartidismo sofriu un duro embate, xunto cos escándalos de corrupción que afectan á Coroa, teñen provocado a abdicación do Rei, como estratexia para darlle un novo impulso a un réxime decadente e en descomposición.

Diante deste intento por someter á cidadania a unha Segunda Restauración Borbónica, Esquerda Unida considera que os dereitos de sucesión sanguíneos son incompatibles cunha democracia plena e avoga pola abolición dunha Monarquía anácrónica, como mecanismo para á construcción dun modelo de estado democrático, social e verdadeiramente representativo.


Por todo elo Esquerda Unida chama a cidadanía a participar nese novo proceso constituínte así como en todas as mobilizacións convocadas polo restablecemento da 3ª República previstas como a que terá lugar hoxe diante da Subdelegación do Goberno ás 20:00 convocada pola Xunta Republicana de Lugo

por un proceso constituínte cara a III República!

pola democracia real, non á monárquica!



miércoles, 26 de marzo de 2014

Xoves Violeta

 
A Área de Muller de Esquerda Unida Lugo convídavos a participar no vindeiro 

 XOVES VIOLETA

Este xoves 27 de marzo, ás 20:00h. na Galería Sargadelos (Praza Santo Domingo, 4), queremos debatir con vós sobre Coeducación: educación para a igualdade. Que papel xogan a educación e o sistema educativo na perpetuación dos roles de xénero? Que é a coeducación?
 
Falaremos da alternativa feminista na educación con Branca Guerreiro, mestra e pedagoga que traballa actualmente como orientadora no CPI Dr. López Suárez de Friol. Foi responsable da Secretaría da Muller do STEG durante sete anos e da Organización de Mujeres de la Confederación de STEs durante tres. Tamén participou no movemento feminista en diversas organizacións.
 

jueves, 13 de febrero de 2014

EU CELEBRA A PARALIZACIÓN DO PROCESO DE PRIVATIZACIÓN DO CICLO DA AUGA
Considerámolo un éxito da presión sindical, política e social



Esquerda Unida celebra a paralización do proceso de creación dunha empresa mixta para o ciclo completo da auga, e considera a devandita paralización un éxito da presión sindical, política e social mantida nestes anos. Sen embargo, o Goberno municipal escúdase na nova Lei de Administración Local para xustificar a súa marcha atrás no proxecto, un argumento claramente absurdo. Neste sentido, hai que lembrar que Esquerda Unida desenvolveu nestes anos unha intensa campaña para evitar a privatización do servizo de augas, o servizo máis básico que pode prestar o noso Concello.

En EU seguimos defendendo que o mellor xeito de millorar o servizo de augas é garantir o seu carácter 100% público. Defendemos unha xestión sustentable, social e participativa do servizo de auga e o saneamento porque A AUGA É UN BEN PÚBLICO FUNDAMENTAL, NON UN NEGOCIO.

PSOE e BNG pactaron a creación dunha empresa mixta no acordo de goberno asinado en 2011. Sempre intentaron xustificar a empresa mixta negando que se tratase dunha privatización e mesmo chegaron a asegurar que se trataba dunha empresa pública cando se trataba dunha privatización en toda regra, idéntica ao modelo que pretendía Esperanza Aguirre en Madrid. Afortunadamente, tanto a proposta de Orozco como a de Aguirre seguiron o mesmo camiño: a paralización.

EU denuncia o cinismo do PP con respecto á empresa mixta. O partido das privatizacións, dos recortes e o "austericidio" defendeu a privatización total do ciclo da auga ata a actual lexislatura. Incluso chegou a defender a empresa mixta, diferindo unicamente do PSOE na porcentaxe de participación pública na empresa. Neste mandato opúxose á empresa mixta por simple tacticismo, cando sempre defendeu a concesión directa do servizo de augas, é dicir, a súa privatización pura e dura, perfectamente comprobable na hemeroteca.

O carácter impopular das privatizacións, intimamente relacionadas cos casos de corrupción, leva ao PP a xogar á ambigüedade, como neste caso, ou mesmo a pedir a remunicipalización de servizos que eles mesmos privatizaron. No colmo do cinismo, o PP pretende obviar que aprobou unha Lei de Reforma da Administración local que impulsa as privatizacións e obstaculiza claramente a posibilidade de remunicipalización de servizos nos concellos. Se pretende defender en serio os servizos públicos, Castiñeira debería pedir a baixa no seu partido.

En EU sempre insistimos en que a corrupción está intimamente relacionada coa privatización de servizos públicos básicos. Neste sentido, pode ser máis que unha coincidencia que o goberno renuncie á privatización do servizo de augas o mesmo día que se abre o secreto total do sumario da Operación Pokémon, tendo en conta que o xulgado nº1 requeriu do Concello toda a información sobre a empresa mixta. De feito, foi Fernández Liñares, o cabecilla da trama investigada, quen empezou as xestións para a creación da nova empresa na súa etapa como concelleiro, e finalmente tivo competencias vinculadas a este servizo como Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

EU permanecerá alerta para calquera intento de retomar a privatización deste servizo ou de calquera outro. Aproveitamos para reiterar a necesaria remunicipalización dos servizos externalizados e privatizados polos diferentes gobernos do Concello nos últimos anos, case medio centenar.

viernes, 31 de enero de 2014

DEFENSA QUERE CONVERTIR O AERÓDROMO DAS ROZAS (LUGO) EN BASE DE ‘DRONES' COA COMPLICIDADE DA XUNTA


Alternativa Galega de Esquerda (AGE), esixe ao goberno galego toda a información sobre a solicitude de colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INTA) dependente do Ministerio de Defensa ante as informacións que apuntan a intención de establecer no aeródromo de Rozas en Outeiro de Rei unha das cinco bases de ‘Drones' que a OTAN ten previsto instalar en Europa. La viceportavoz de AGE Yolanda Díaz e o deputado Ramón Vázquez esixiron esta mañá en rolda de prensa a paralización inmediata das probas con este tipo de avións non tripulados e que se explique claramente á cidadanía cales son os fins contemplados polo Ministerio de Defensa para o aeródromo de Rozas en Lugo.

Ao longo destes anos numerosas fontes situaban a Galicia como o lugar escollido para establecer unha das cinco bases de ‘Drones' que a OTAN ten previsto instalar en Europa. Nun primeiro momento todo parecía apuntar a que sería a zona de Trasmiras en Ourense a elixida para establecer a mencionada base de ‘Drones' por reunir os requisitos necesarios, mais axiña se empezou a falar de Lugo e o Aeródromo de Rozas en Outeiro de Rei como outra das opcións viables para o establecemento da base internacional de ‘Drones', eufemisticamente chamados avións non tripulados, á vez que quedaba evidenciada a paralización do proxecto de Trasmiras.

En marzo de 2011 facíase público o establecemento dun programa de avións non tripulados no aeródromo de Rozas para a investigación, desenvolvemento de proxectos e divulgación no campo da aeronáutica, a través dun convenio co Instituto Nacional de Técnica Aeronáutica (INTA) dependente do Ministerio de Defensa. Participaron na xestación de dito convenio o Goberno Central, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Castro de Rei e o Real Aeroclube de Lugo. Dito convenio terá unha duración prorrogable de 10 anos. Nesas datas confirmábase así mesmo o inicio das probas por parte do Ministerio de Defensa para empregar o Aeródromo de Rozas como base de avións espía do programa da multinacional AEDS, unha das mais importantes en venda de armamento militar a nivel mundial. no mes de xullo de 2012, producíase a visita do Xeneral de División Ignacio Azqueta e o Subdirector Xeral de Experimentación e certificación do INTA, Bartolomé Marqués ao aeródromo de Rozas. Ambos recoñecían a realización de probas con avións non tripulados e o inicio de obras de adaptación no Aeródromo Lucense para estes fins. Marqués e Azqueta declararon ademais, que Lugo podería ser unha das cinco bases de probas que os Estados Unidos tiña previsto instalar en Europa e poñer en marcha antes do 2015. Os pasado mes de febreiro de 2013 levantou o voo en Rozas o ‘ATLANTE', un avión non tripulado fabricado pola Empresa Cassidian, pertencente a multinacional EADS, o consorcio europeo líder mundial en venda de armamento, da que fora directivo o actual Ministro de Defensa, Pedro Morenés, e no que o ex ministro do PP, Joseph Piqué, ocupa un posto no consello de administración.

A viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, destacou na rolda de prensa que "estamos pois diante dun avión non tripulado dos chamado "Dron", tristemente celebres por practicar masacres e asasinatos a civís e militares nos principais escenarios de guerra do planeta acabando coa vida de milleiros de vítimas cada ano e que actúan impunemente en países como Pakistan, Yemen, Irak, Somalia, Afganistan ou Palestina". Por estes e outros motivos as bases de ‘Drons' son ademais destacados obxectivos militares e terroristas polo seu alto valor militar e estratéxico o que supón un risco mais que evidente para a cidadanía que se atope na súa contorna.

O INTA ven de anunciar un convenio coa Xunta de Galicia para establecer o perímetro e cercar o aeródromo de Rozas, mellorar a Torre de Control, construír un novo hangar e instalar un sistema de seguridade aérea para detectar aparatos en voo, dentro do programa para o establecemento da base de probas para Rons permanente que o Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeronáutica ten previsto para as instalacións Lucenses. Ante isto, o grupo parlamentar de AGE presentou unha Proposición non de Lei para o seu debate no pleno no que se pide toda a información relativa a este convenio así como que se aclaren cales son os fins contemplados polo Ministerio para o aeródromo de Rozas en Lugo e a inmediata paralización de probas con ‘Drones'.

A viceportavoz de AGE e o deputado Ramón Vázquez sinalaron que xa está solicitada no Congreso, a través da Izquierda Plural, a comparecencia do Ministro de Defensa, Pedro Morenés, para que aclare todo o relativo as obras e as intencións do seu departamento no aeródromo de Lugo, petición que a día de hoxe non obtivo resposta o mesmo que as distintas preguntas presentadas ao respecto.