Mostrando entradas con la etiqueta Lara Méndez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Lara Méndez. Mostrar todas las entradas

domingo, 27 de septiembre de 2015

ACE-EU pregunta á Alcaldía sobre o estado do servizo de Protección Civil

ACE-EU PREGUNTARÁ Á ALCALDÍA SOBRE PRESUNTAS IRREGULARIDADES NO SERVIZO DE PROTECCIÓN CIVIL


Ø  Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida ten coñecemento de distintas denuncias por parte dos propios voluntarios de presuntas irregularidades no funcionamento e prestación de dito servizo, presentadas no rexistro do Concello e que nunca recibiron resposta, así como do impedimento aos mesmos de desempeñar a súa función de voluntariado neste corpo. 
Ø  Entre as reclamacións atópanse asuntos de tal gravidade como a conducción de vehículos e a realización dos turnos baixo a influencia de bebidas alcohólicas por parte de diversos membros da agrupación de voluntarios, así como a carencia de moitos deles do permiso BTP para a condución de vehículos prioritarios e o emprego de vehículos públicos para usos privados.
Ø  O grupo municipal ACE-EU quere saber quen é actualmente o máximo responsable no Concello do servizo de Protección Civil e se dispón da cualificación necesaria para facelo.
Ø  ACE-EU preguntará tamén por que un vehículo que foi adquirido recentemente coa aprobación dunha Xunta de Goberno para ser empregado por Protección Civil  está en réxime de leasing e sen o correspondente rótulo do servizo municipal, ademais de cal é a partida económica destinada a Protección Civil nos orzamentos do presente exercicio.  
Ø  ACE-EU inclúe preguntas para saber cantos voluntarios figuran actualmente e con que periodicidade se actualiza o seu censo, e se existe persoal cualificado e coas titulacións necesarias para o emprego do material especializado co que conta o servizo, tales como desfibriladores, equipos de buceo ou lanchas Zodiac.


Lugo, 28 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida presentará unha batería de preguntas por escrito á Alcaldía sobre o estado do servizo de Protección Civil, ante o coñecemento de distintas denuncias por parte dos propios voluntarios de presuntas irregularidades no funcionamento e prestación de dito servizo, presentadas no rexistro do Concello e que nunca recibiron resposta, así como do impedimento aos mesmos de desempeñar a súa función de voluntariado neste corpo. Entre as reclamacións atópanse asuntos de tal gravidade como a condución de vehículos e a realización dos turnos baixo a influencia de bebidas alcohólicas por parte de diversos membros da agrupación de voluntarios, así como a carencia de moitos deles do permiso BTP para a condución de vehículos prioritarios e o emprego de vehículos públicos para usos privados.

O grupo municipal ACE-EU quere saber quen é actualmente o máximo responsable no Concello do servizo de Protección Civil e se dispón da cualificación necesaria para facelo. O último cargo do que se ten constancia referente a dita función é D. Enrique Camilo Fernández Fraga, que foi nomeado como persoal eventual para o posto de Asesor Especial en materia de Emerxencias e Protección Civil o 12 de xuño de 2011 e cesado con data de 31 de xullo de 2011, un mes despois, para converterse en Asesor Especial de Participación Cidadá, cargo que ocupou ata o día 13 de xuño de 2015. Desde o 14 de xullo de 2015, Fernández Fraga exerce de Colaborador Asesor do Gabinete da Alcaldía para o novo equipo de goberno, realizando “tarefas de confianza e asesoramento especial, coas funcións seguintes: “servirlles de apoio e colaboración directa á Alcaldía e ao grupo de goberno, asesoramento especial, relacións institucionais, información e demais funcións que se lle asigne relacionadas coas propias de confianza e asesoramento especial.” O recente posto carece de denominación específica relacionada con Protección Civil, e a ACE-EU non lle consta o nomeamento en sustitución doutra persoa concreta a cargo deste departamento. “Este servizo, de vital importancia, debería ser dirixido por un técnico cualificado para un cometido de tal responsabilidade, polo que sería convinte que o Concello sacáse a praza a concurso público coa maior celeridade posible. Por outra parte, tamén nos chama a atención que puidera ser persoal eventual e de confianza o que estivese ao frente de Protección Civil, así como que unha mesma persoa puidese desempeñar tres cargos de denominación distinta en só catro anos”, sinala Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU.

Por outra banda, na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 24 de xuño deste ano, aprobouse o arrendamento sen opción a compra dun Mitsubishi Montero branco de 7 prazas que non foi rotulado para indicar a súa pertenza ao servizo de Protección de Civil do Concello de Lugo. ACE-EU preguntará por que motivo o Concello non o adquiriu en propiedade e como é posible que un vehículo destinado a un servizo municipal fique sen rotular, ademáis de cal é a partida económica destinada a Protección Civil nos orzamentos do presente exercicio.


O propio voluntariado de Protección Civil vén reclamando dende hai tempo a formación, cualificación e profesionalización dos seus integrantes, que consideran deficitaria, ante a pasividade do goberno local. De feito, o regulamento que rexe ao equipo de voluntariado en Lugo é de 1998, e nin sequera se pode acceder ao mesmo dende a páxina web. Nese sentido, ACE-EU inclúe ademáis preguntas para saber cantos voluntarios figuran actualmente e con qué periodicidade se actualiza o seu censo, e se existe persoal cualificado e coas titulacións necesarias para o emprego do material especializado co que conta o servizo, tales como desfibriladores, equipos de buceo ou lanchas Zodiac.

lunes, 21 de septiembre de 2015

Cen días sen proxecto político

“A ALCALDESA NON QUERÍA ESTE CARGO, FOILLE IMPOSTO, AO IGUAL QUE A OUTROS INTEGRANTES DO SEU EQUIPO, E ISO NÓTASE NO SEU XEITO DE GOBERNAR”

Ø  Para o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas, Carlos Portomeñe, o novo equipo de goberno “manéxase coma se tivese maioría absoluta, cousa que non é de estrañar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis. De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.  
Ø  A alcaldesa presume de “diálogo fluído” cando nos temas cruciais para a cidade prefire o silencio sepulcral propio dos gobernos autoritarios, como ante a presunta malversación de nada menos que 600.000€ das arcas municipais na conversión en S.A.D. do C.D. Lugo.  
Ø  A percepción de ACE é que nos atopamos diante dunha das corporacións máis conservadoras da democracia, non só por parte do goberno, senón tamén da oposición, pois a maioría dos grupos só presentan propostas conxunturais que non transforman o modelo de cidade.

Lugo, 20 de setembro de 2015. – Alternativa Cidadá de Esquerdas lamenta que tras cen días de goberno, a sensación principal que transmite o novo equipo do PSOE encabezado por Lara Méndez é a falta dun proxecto político propio que rexa as decisións tomadas. “A improvisación e a desgana ocupan o lugar da xestión e a ideoloxía neste Concello. A alcaldesa non quería este cargo, foille imposto, ao igual que a outros integrantes do seu equipo, e iso nótase no seu xeito de gobernar”, afirma Carlos Portomeñe, voceiro de ACE. “A única decisión de calado tomada en cen días foi a suspensión temporal do servizo da ORA, e non é máis que o cumprimento tardío do mandato dunha sentenza xudicial”.

O concelleiro de ACE está decepcionado ante o xiro radical que deu Méndez tralo seu conciliador discurso de investidura, no que colocaba o pacto e o diálogo como principais características do que ía ser o seu estilo de goberno. Sen embargo, “manéxanse coma se tivesen maioría absoluta, cousa que non é de estrañar, se temos en conta que a alcaldía lle saíu gratis”, sinala Portomeñe. “De feito, Lugo é o único concello onde o cargo dun rexedor en minoría non implicou ningún acordo formal nin compromiso político concreto a cumprir coas forzas que o apoiaron”.

Son moitos os exemplos que denotan a falta dese “diálogo fluído” do que a alcaldesa insiste en presumir, mentindo abertamente á cidadanía. Un dos máis evidentes foi a programación das festas de San Froilán, sobre a que a oposición foi informada a posteriori e sen nin sequera exercer potestade de opinión sobre os grupos musicais, cando ata pode exercela un parente directo da concelleira de Cultura. “Nos temas realmente cruciais para a cidade Méndez prefire o silencio sepulcral ao diálogo. Só un goberno autoritario pode permitirse eludir explicacións ante unha presunta malversación de fondos públicos coma a da conversión en S.A.D. do C.D. Lugo. Nada menos que 600.000 € das arcas municipais poden ter sido destinados a unha débeda privada, cantidade que triplica as partidas orzamentarias destinadas polo Concello a temas de urxencia social”, recalca o voceiro de Alternativa Cidadá de Esquerdas.


A percepción de ACE é que nos atopamos diante dunha das corporacións máis conservadoras da democracia, non só por parte do goberno, senón tamén da oposición. Nese sentido, para o grupo municipal é positivo que haxa novas propostas, pero estas deben responder a principios políticos. O Concello de Lugo necesita un cambio estrutural, e as propostas que a maioría dos grupos están a poñer enriba da mesa atenden case sempre simplemente a cambios conxunturais, que non transforman o modelo de cidade. "Dá a impresión de que as propostas se venden ao peso. Sobran ideas, pero falta vontade política. Está claro que en cousas como a reparación de baches ou a sinalización horizontal imos estar todos de acordo, pero temos a obriga de abordar os asuntos centrais que realmente poderán cambiar o noso modelo de cidade: a fiscalidade (deben pagar máis os que máis teñen); a economía e a xestión dos servizos (para reverter a situación das 17.000 persoas en risco de exclusión social e ofrecer servizos públicos universais e de calidade), o urbanismo (para que responda ás necesidades dos lucenses e non aos intereses das empresas construtoras), a participación cidadá (para acadar a radicalidade democrática), e as políticas de igualdade (para erradicar o machismo da nosa sociedade e a cada vez máis alarmante violencia contra a muller)”, conclúe Portomeñe