viernes, 1 de marzo de 2013

Novo centro de ensino no Sagrado Corazón

  Actual CEIP do Sagrado Corazón en Lugo

O PARLAMENTO GALEGO DEBATERÁ O VINDEIRO MARTES A DOTACIÓN DUN NOVO CENTRO DE ENSINO NO BARRIO DO SAGRADO CORAZÓN DE LUGO
O deputado e voceiro de Educación Moncho Vázquez, defenderá a urxente dotación orzamentaria para a construción do novo centro

     O Parlamento de Galicia debaterá o vindeiro martes, e a instancia do deputado de Alternativa Galega de Esquerda e voceiro de Educación, Moncho Vázquez, a dotación dun novo centro de ensino no Barrio do Sagrado Corazón de Lugo.
     O actual CEIP Sagrado Corazón de Lugo é froito dun convenio cesión asinado nos anos 80 pola obra social de Caixa Galicia, hoxe Nova Galicia banco, no que se destinaban estas instalacións a usos educativos por un período de 30 anos. Dito convenio remata no ano 2018 e a nova entidade financeira ten anunciado a non renovación desta cesión.
A esta problemática temos que engadir o feito de que o colexio na actualidade, non reúne os requisitos educativos nin de seguridade por atoparse nun estado de avanzado deterioro, agravado pola ausencia de obras de mantemento motivada precisamente, pola inminente finalización do convenio. Por estes motivos resulta imprescindible a construción dun novo centro de ensino que dea resposta ás necesidades de escolarización desta zona de xeito urxente.
O 9 de Febreiro de 2012 o Concello de Lugo recibiu unha petición por parte da Xunta para que o Concello procedera a cesión dos terreos municipais necesarios para a construción dun centro escolar na zona, tal e como informou a responsable da Area de Educación do Concello na sesión ordinaria do Consello Escolar municipal celebrada o 28 de marzo de 2012.
Dende o o Concello informouse ademais que, unha vez analizada a dispoñibilidade de terreos en contacto coa Área de Urbanismo, o único espazo dispoñible é o cedido á Consellería de Sanidade para a construción dun Centro de Saúde previsto no seu día, polo que se remite a esta Consellería a posibilidade de realizar un cambio dos usos concibidos en de dita cesión.
A dia de hoxe, nin pola banda do Concello nin pola banda do Goberno da Xunta se ten dada unha resposta nin unha solución a un problema que se agrava, tendo en conta os prazos necesarios para a construción dun novo centro. A comunidade educativa e a cidadanía en xeral, ven aumentada a súa preocupación considerando que a finalización do convenio está cada dia mais próxima, mentres que o Goberno da Xunta dilata as xestións necesarias para acometer a construción do novo centro.
Por todo elo Alternativa Galega de Esquerda defendera a inmediata dotación dunha partida especifica para a construción do novo centro no barrio do Sagrado Corazón tal e como xa reflectiu nas enmendas realizadas ós orzamentos da Consellería de Educación para o ano 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario