PORTOMEÑE OBSERVA CLAROS
VÍNCULOS ENTRE A OPERACIÓN CAMPIÓN E O PLAN XERAL DE ORDENACIÓN
MUNICIPAL
Esta semana coñecemos que o Tribunal Supremo non descarta
xulgar ao exministro de Fomento, José Blanco, por suborno pasivo polas obras
realizadas no seu chalé por unha sociedade constructora lucense chamada Trepia
06 Inversiones. Independentemente da decisión xudicial do Tribunal, e
respectando a inocencia dos imputados neste caso, para EU a implicación de
devandita sociedade en obras particulares para Blanco é un indicio máis da
existencia dun suposto entramado clientelar no urbanismo lucense que implica,
por activa ou por pasiva, aos tres partidos políticos presentes na corporación
lucense: PSOE, PP e BNG.
EU denunciou en 2009 a recalificación de 525.000 metros
cadrados (unha superficie maior que o recinto amurallado da cidade) de solo de
especial protección forestal en Fixós (zona do clube de golf) para convertelo en
chan urbanizable. A recalificación permitía a construción de ao redor de
trescentos chalés e un hotel nunha zona de árbores centenarios. A alegación
presentada por EU ante a Xunta foi antendida e devandito urbanizable foi
informado negativamente pola Xunta en tres ocasións, formando parte do PXOM que
aínda non foi aprobado.
Como EU sinalou no seu momento, Trepia, a sociedade
investigada polo Tribunal Supremo polas obras do chalé de Blanco, dispoñía dos
dereitos edificatorios en Fixós, ademais de boa parte dos terreos, que na
exposición pública do PXOM figuraban como chan rústico protexido e favoreceron a
súa compra a menor prezo. Entre os membros desta sociedade figuran empresas
investigadas e varios imputados en causas coñecidas polos lucenses:
- A empresa Azkar e o seu responsable, José Antonio Orozco,
imputado na operación Campión, amigo persoal de Branco e socio de Jorge Dorribo
en Salut d'Innovacció, a empresa andorrana investigada na mesma operación
xudicial.
- A empresa Asopeis, do grupo Pedrouzo e dirixida por
Manuel Vázquez Corredoira. A maiores, este empresario asinou un contrato privado
co presidente do clube de golf polo cal recibiría un 15% de comisión se
fructificaban as súas xestións para recalificar os terreos, algo que conseguiu
dos tres partidos presentes na corporación. Vázquez Corredoira é cuñado de María
Novo, xerente naquel momento da empresa municipal de solo e sucesora de
Fernández Liñares na concellería de Urbanismo, en cuxo mandato foi aprobado o
Plan coas polémicas recalificacións. Empresario e concelleira están imputados
nas dilixencias do xulgado número 2 sobre ditas recalificacións.
- Proitec, a empresa de inxeñería investigada na operación
Campión, e cuxos máximos responsables figuran imputados na devandita causa.
As recalificacións de Fixós contaban co visto bo da
Consellería de Industria, dirixida por aquel entón polo nacionalista Fernando
Blanco, tamén implicado na operación Campión. A mesma causa onde figura como
imputado o seu xefe de gabinete, Xoán Bazarra, quen formaba sociedade na empresa
andorrana de Jorge Dorribo xunto a Orozco, o actual presidente de Azkar e
benefactor de José Blanco. De feito, as fichas urbanísticas dos urbanizables de
Fixós baseáronse nun suposto Plan Director da Consellería de Industria que nunca
existiu.
Pero estas e outras recalificacións denunciadas por
Esquerda Unida negociounas e plasmounas no PXOM o cabecilla da operación
Pokémon, Fernández Liñares, man dereita do propio alcalde, López Orozco. Malia a
clara ilegalidade que supoñen as recalificacións -sancionadas tres veces polo
informe negativo da Xunta de Galicia- PSOE, PP e BNG dan o seu visto bo. Liñares
posúe 80.000 metros cadrados de terreos fronte ao maior urbanizable de
Fixós.
Na comisión negociadora do PXOM participou como portavoz do
grupo popular Jaime Castiñeira, quen sempre se manifestou en público a favor das
recalificacións de Fixós e defendeu a súa legalidade, en contra dos criterios da
Xunta de Galicia gobernada polo seu propio partido. O PP lucense, co seu
portavoz á fronte, votou favorablemente o PXOM en varias ocasións, pese a que a
Xunta denega os urbanizables.
Polo tanto, existen claros indicios que parecen demostrar
un vínculo directo entre as investigacións do Tribunal Supremo e as
recalificacións da contorna do clube de golf en Lugo. Durante anos vimos
denunciando a omertá, o pacto de silencio existente na nosa cidade entre os tres
partidos políticos presentes na corporación, que conviviron nun claro e
tranquilo "tripartidismo harmónico". Se todo é como parece, explicaríase a
connivencia interesada de políticos e empresarios co que pretendía ser o maior
pelotazo urbanístico da historia de Lugo. Ata que chegou Esquerda Unida e mandou
parar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario