EU DENUNCIA O ESTRANGULAMENTO POLÍTICO DO XULGADO DE INSTRUCIÓN Nº1 DE LUGO
Impulsou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para garantir os medios necesarios para o seu funcionamento
Impulsou unha iniciativa no Parlamento de Galicia para garantir os medios necesarios para o seu funcionamento
A corrupción é un tema de especial
sensibilidade social na cidade de Lugo. En 2011 máis de mil lucenses saíron á
rúa co lema "Contra a corrupción, en defensa da Xustiza", convocados pola
Plataforma contra a Corrupción da que forma parte EU Lugo. E se os xulgados
lucenses teñen amosado a súa acción decidida para erradicar as prácticas
corruptas na nosa cidade, o xulgado de instrución nº1 acadou especial sona en
Galicia por levar causas de relevancia social con implicación delictiva de
numerosos empresarios, cargos políticos e altos funcionarios, especialmente nas
coñecidas operacións Pokémon e Carioca.
Nos últimos meses, o xulgado de instrución
número 1 perdeu, sucesivamente, o Xuíz de reforzo que tiña adscrito, a
secretaria titular e máis recentemente dúas funcionarias dependentes da Xunta de
Galicia.
Para EU resulta unha evidencia que axilizar as
causas xudiciais e combater a corrupción investigada polos xulgados lucenses
require contar con máis medios. Por contra, segundo denuncia o responsable de
política local de EU, Carlos Portomeñe, o PP a través da Xunta de Galicia
"somete ao Xulgado nº1 a un estrangulamento premeditado e alevoso para matar por
asfixia as operacións en marcha", sempre "cunha finalidade estrictamente
política".
Unha obstrución da que sae beneficiado o
propio bipartidismo, sinala Portomeñe, "cuxo obxectivo é unha lei de punto final
non escrita". Nas causas abertas no Xulgado nº1 existen decenas de imputados por
corrupción pertencentes ó PP e ó PSOE. No caso da operación Pokémon, ós alcaldes
e concelleiros populares imputados en varios concellos galegos hai que sumar en
Lugo a imputación do actual alcalde da cidade, López Orozco, e da súa man
dereita no Concello desde 1999, Fernández Liñares. Pero o xulgado nº1 tamén
desenvolve a chamada operación Galeón, na que se investiga a Gómez Besteiro,
Presidente da Deputación de Lugo, como responsable da urbanización en O Garañón
(no Parque Rosalía de Castro), e na que están imputados altos funcionarios do
Concello de Lugo.
EU destaca que o PP presenta plans contra a
corrupción de xeito propagandístico, mentras pola vía dos feitos obstrúe o labor
da xustiza recortando os recursos humanos e materiais.
Neste sentido, o deputado de Alternativa
Galega de Esquerda (AGE) e coordinador comarcal de EU Lugo, Ramón Vázquez,
anunciou a presentación dunha iniciativa rexistrada hoxe no Parlamento de
Galicia para evitar o desmantelamento do xulgado de instrución 1 de Lugo. A
devandita iniciativa, presentada pola portavoz parlamentaria e cordinadora
nacional de EU, Yolanda Díaz, e Ramón Vázquez, insta ó Goberno Galego
a:
1.- Dirixirse ao Consello Xeral do Poder
Xudicial a fin de nomear novamente un xuíz de reforzo para o xulgado nº1 de
Lugo.
2.- Que cando esto suceda se complemente cun
cadro de persoal equivalente a un xulgado de número, é dicir, tres xestores,
tres tramitadores e un auxilio xudicial.
3.- Que en tanto non suceda, se repoña de
inmediato a situación anterior, dirixíndose á Comisión Mixta e á Dirección Xeral
a fin de que revogue a resolución de cese.
No hay comentarios:
Publicar un comentario